O TSXG dá a razón á Mesa e autoriza a concentración na Toxa contra a deturpación do topónimo

Para prohibir unha concentración "non abonda coa mera sospeita ou posibilidade" de que se vaian producir alteracións de orde pública, lembra na sentenza o tribunal.
Concentración en defensa da lingua na illa da Toxa decorrida o pasado ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración en defensa da lingua na illa da Toxa decorrida o pasado ano. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) notificou hai escasos minutos á Mesa pola Normalización Lingüística a estimación do recurso presentado contra a decisión da Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra de prohibir a concentración na Illa da Toxa prevista, para esta quinta feira, día 29, en sinal de protesta pola deturpación do topónimo.

Desde o Executivo argumentaran, con base en informes emitidos pola Garda Civil de Pontevedra e a Policía Local do Grove, que a concentración podería, "con posibilidade razoábel, afectar a orde pública pola súa posíbel incidencia na seguridade das persoas e bens" no marco da celebración do 'Foro La Toja'.

Na sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, os maxistrados sosteñen que "para prohibir unha concentración non abonda coa mera sospeita ou posibilidade de que se vaian producir alteracións de orde pública".

Así, subliña a falta de "datos obxectivos suficientes, derivados das circunstancias de feito de cada caso", a achegar por parte da Subedelegación para xustificar o seu veto.

O escrito da Garda Civil, porén, defendía o seguinte: "Esta concentración afectaría o normal desenvolvemento e seguridade do evento mencionado anteriormente, debido a que a súa localización sitúase no itinerario que deben seguir as distintas autoridades, destacando a presenza de S.M. O Rei; máxime cando o punto de entrada á illa da Toxa é unha única ponte e por esta é por onde discorre a manifestación, e non existen outros itinerarios alternativos polo que se poidan desprazar as diferentes autoridades".

A este respecto, o tribunal sinala tamén á "confusión" dos informes emitidos entre os termos "concentración" e "manifestación", entre os que existen "diferenzas conceptuais".

Da mesma forma, o texto recolle que A Mesa propuxo "alternativas menos lesivas" para organizar a concentración como un cambio de lugar, algo ao que desde o Goberno estatal "evitaron referirse no acto impugnado" malia ter constancia diso.

En consecuencia, o tribunal estima o recurso da Mesa e declara nula a resolución da Subdelegación do Goberno, polo que a concentración decorrerá finalmente, contra as 19 horas, dentro da propia illa.

Comentarios