A Mesa recorre perante o TSXG a prohibición da protesta convocada na defensa do topónimo da Toxa

A entidade volve exixir á organización que empregue a única forma do topónimo amparada pola lei, en lingua galega.
Concentración da Mesa no Foro da Toxa de 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración da Mesa no Foro da Toxa de 2021. (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar un recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra a decisión da Delegación do Goberno estatal na Galiza de prohibir a manifestación convocada na Toxa contra a deturpación deste topónimo.

Alén da resolución que adopte o TSXG, A Mesa mantén a convocatoria trasladándoa, no caso de que finalmente non se autorizase nas inmediacións do recinto onde decorrerá o 'Foro La Toja', ao paseo marítimo do Grove.

De forma paralela, a entidade na defensa dos dereitos lingüísticos dirixiuse ás e os representantes de institucións públicas que participarán neste foro de debates instándoos a exixir que a organización empregue a única forma "lexítima e oficial" do topónimo.

Entre as persoas asistentes, subliñan, estarán o xefe de Estado, Felipe VI; o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ou o da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "que amparan deste modo o incumprimento da lei e o desprezo pola lingua e a cultura galegas".

A pasada semana a Mesa impulsou un manifesto no que exixe a fin da deturpación lembrando que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recolle no artigo 10 que "os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega", así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”.

Cargas policiais en 2021

A manifestación decorrida o pasado ano baixo o mesmo pretexto rematou con cargas policiais e catro persoas denunciadas pola Garda Civil.

Algúns dos participantes, como o presidente da Mesa, Marcos Maceira, acabaron polo chan. A Garda Civil impediu que a concentración discorrese na ponte, e participantes na mobilización criticaron a "actitude" dos axentes.

Comentarios