O Goberno español veta a concentración da Mesa contra a deturpación da Toxa no foro económico

Marcos Maceira asegurou que “[o Executivo español] non quere que se vexa que hai persoas protestando para que se cumpra a legalidade”.
Concentración da Mesa no Foro da Toxa de 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración da Mesa no Foro da Toxa de 2021. (Foto: Nós Diario)

O Goberno español, a través da súa delegación na Galiza, vén de denegar a petición feita pola Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL) para concentrarse o vindeiro 29 de setembro, na Illa da Toxa, contra a deturpación do topónimo que leva a cabo o foro económico impulsado polo grupo Hotusa.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, explicou a Nós Diario que o argumento esgrimido pola Delegación do Goberno español na Galiza é que esta concentración, de ter lugar, “afectaría ao normal desenvolvemento” da cuarta edición do Foro A Toxa-Vínculo Atlántico.

“Nun primeiro momento solicitáramos a concentración para as 17 horas, pero dixéronnos que a esa hora xa había outras manifestacións no concello, e que buscásemos unha alternativa”, detalla Maceira, polo que a Mesa trasladou como nova proposta unha concentración ás 19 horas.

Porén, tal e como lamenta o presidente da asociación na defensa polos dereitos lingüísticos do galego, hoxe mesmo o Goberno español contestou á petición denegándoa, alegando que unha concentración na ponte da Toxa interrompería a circulación e afectaría o foro, e que non existe ningún outro espazo no concello do Grove onde poida ter lugar.

Indignación da Mesa

Neste sentido, o presidente da Mesa asegurou que os motivos de seguridade esgrimidos polo Goberno español non son os que verdadeiramente levan a denegar a petición da concentración, senón que “[o Executivo español] non quere que se vexa que hai persoas protestando para que se cunmpra a legalidade” e exixindo que se empregue o único topónimo “legal e lexítimo” da Toxa.

“Xa se viu coa desproporcionada actuación da Garda Civil na concentración do ano pasado”, denunciou Maceira. O 29 de setembro de 2021, axentes da Garda Civil empurraron e bateron os participantes na concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Grove.

Algúns dos participantes, como o propio presidente da Mesa, acabaron polo chan. A Garda Civil impediu que a concentración discorrese na ponte, e participantes na mobilización criticaron a “actitude” dos axentes.

Preguntado por se A Mesa ten pensado concentrarse na Illa da Toxa a pesar da negativa do Goberno español, Maceira subliñou que a asociación está a valorar as posibilidades, e anunciará esta segunda feira, 26 de setembro, as “vindeiras actuacións”. Porén, sentenciou que “todos deben ter claro que a Mesa sairá ás rúas o 29 de setembro para protestar pola deturpación do topónimo da Toxa”.

Felipe VI, no comezo do Foro A Toxa

O rei Felipe VI volverá ser o encargado de inaugurar, xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a IV edición do Foro A Toxa-Vínculo Atlántico, que decorrerá entre o 29 de setembro e o 1 de outubro na Illa da Toxa.

Igual que fixo nas tres edicións anteriores, segundo informa a organización e figura na axenda oficial da Casa Real, o monarca abrirá o evento na tarde do día 29, cando tamén se fará entrega do II Premio Foro A Toxa ao pobo ucraíno.

Comentarios