Queremos Galego valora recorrer na Xustiza a exixencia do Concello de 600 euros por un palco

A Plataforma Queremos Galego non desbota recurrir á Xustiza se o Concello de Compostela non dá marcha atrás na súa intención de cobrarlles 600 euros por poñer un palco na Praza da Quintana co gallo da manifestación do 27 de xaneiro en defensa do idioma
queremos galego

Queremos Galego convocou para este 27 de xaneiro unha manifestación nacional en defensa do idioma propia de Galiza. Unha mobilización que está a recibir, segundo sinalaba nesta sexta feira, Carlos Callón, numerosas adhesións e apoios nestas semanas previas á súa realización. Un dinamismo a prol do galego que, salienta Callón, non decae malia os "impedimentos" do goberno local de Compostela, en mans do PP, para que esta manifestación se leve a cabo. Neste sentido, Queremos Galego lembra que o goberno lles impón unha fianza de 600 euros "para poder instalar o noso propio palco na Praza da Quintana". Unha medida "inconcebíbel" que se aplica a unha entidade sen ánimo de lucro, como é Queremos Galego, e a unha manifestación a favor do galego.

"O goberno bipartito de Compostela, bipartito polo de Ángel Currás e Paula Prado, semella que non quere que milleiros de galeg@s veñan a Compostela a defender o idioma". A imposición deses 600 euros de fianza, apuntan, desde a Plataforma é un sen sentido. Confían en que o Concello dé marcha atrás. De non o faceren, afirma Carlos Callón, Queremos Galego valorará a posibilidade de emprender accións xudiciais.

Xustiza xa lles deu a razón unha vez

A plataforma lembra que non é a primeira vez que o goberno local do PP de Compostela pon cambadelas e impedimentos a actos e mobilizacións a prol do galego. Apontan, neste sentido, aos obstáculos postos á realización do Correlingua ou a denegación dos permisos para a colocación dun palco e dun punto de luz para a megafonía nunha manifestación a prol do galego. Daquela, a xustiza actuara con axilidade dera a razón a Queremos Galego tendo o Concello que autorizar esas instalacións.

Desde Queremos Galego, non obstante, deixan claro que a manifestación hase realizar (27 de xaneiro, con saída ás 12:00 desde a Alameda) e haberá acto final na Praza da Quintana, que contará con actuacións de Uxía e Ses.

Carlos Callón incideu no "gran dinamismo" que nestas semanas están a detectar polas comarcas do país, con actos e adhesións á manifestación nacional. Na páxina de Queremos Galego poden consultarse os horarios e lugares de partida dos autocarros fletados desde diferentes vilas e cidades galegas para asistiren a esta mobilización. 

Comentarios