Queremos Galego saca a lingua á rúa o 17 de maio

A Pataforma cidadá convoca unha manifestación nacional o Día das Letras en defensa da lingua e contra as agresións do goberno galego

Queremos Galego 18 outubro 2009
photo_camera Queremos Galego 18 outubro 2009

A convocatoria vén de ser anunciada a través das redes sociais e partirá da Alameda de Compostela ás 12.00h. Co gallo do Día das Letras Galegas a Plataforma unitaria Queremos Galego volverá reunir milleiros de persoas nas rúas da capital da Galiza en defensa da lingua. 

Ao igual que o pasado ano Queremos Galego chama á cidadanía a se manifestar "pola lingua que nos une" e contra os ataques ao galego aos que, nesta ocasión, se suma a aprobación da reforma educativa. 

Os atrancos do goberno local 
Cómpre lembrar que en 2012 o concello de Santiago impediu á plataforma colocar un palco, unha faixa e amplificadores de son no acto de feche argüíndo que a mobilización coincidía coas festas da Ascensión. Após presentaren un recurso, a xustiza desautorizou a decisión adoptada polo goberno local e exixiu que o Concello outorgase os permisos necesarios para a celebración da manifestación. No entanto, os impedimentos por parte da equipa liderada por Ángel Currás reiteraríanse en vindeiras convocatorias como a do 27 de xaneiro. 

O goberno municipal exixiu nesta ocasión á Plataforma o pagamento dunha fianza de 600 euros para permitir a colocación dun palco co gallo da manifestación convocada contra a política lingüística da Xunta. Fica por ver se nesta ocasión o Concello de Compostela tentará atrancar a celebración desta xornada de festa e reivindicación arredor da lingua. 

Comentarios