“Garantirase que non se poida acceder a un posto público se non se fai en igualdade con todos os españois”, afirmou Casado nun almorzo informativo en que engadiu que o coñecemento do galego -e do catalán e o eusquera- non será un “requisito, en todo caso un mérito”. O PP, máis inclinado á dereita por mor da competición con Vox, axita de novo o españolismo lingüístico.
Cun imaxinario herdado do franquismo, o candidato popular á presidencia do Goberno español afirmou que “non é xusto que un madrileño non poida opositar en Catalunya e si ao contrario. Outra cousa é que logo teñan que aprender o idioma, especialmente en aldeas ou pedanías onde o galego e o valenciano sexan usados de forma maioritaria”.
Pablo Casado, cuxa candidatura a dirixir o PP foi apoiada por Alberto Núñez Feixoo, falou de “Administración paralela e endogámica” para se referir aos profesionais da función pública que deben aprender as respectivas linguas dos territorios estatais. Para Casado só parece haber unha lingua, o español. As demais son inferiores.
O propio Núñez Feixoo gañou a Xunta en 2009 cun discurso reaccionario e contrario ao galego. No primeiro tramo do seu primeiro mandato adoptou diferentes medidas lexislativas para facer retroceder a lingua, pero despois foi arrefriando a cuestión, que agora resucita da man do seu superior.