Polémica pola exclusión do galego nun encontro de arte en Vigo

Solicitan a unha experta falar en castelán.
Xornada inaugural do I Encontro Mulleres da Escena en Igualdade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xornada inaugural do I Encontro Mulleres da Escena en Igualdade. (Foto: Nós Diario)

Esta quinta feira rematou na Casa das Artes de Vigo o I Encontro Internacional Mulleres da Escena en Igualdade organizado pola asociación Clásicas e Modernas co apoio da área de Cultura da Deputación de Pontevedra que dirixe Victoria Alonso (PSdeG).

O encontro contou coa presenza de numerosas expertas galegas, do Estado e internacionais, que participaron nas palestras, mesas de debate e faladoiros previstos no programa.

Varias das persoas asistentes puxéronse en contacto con Nós Diario para criticar que a organización excluíu o galego das linguas empregadas durante o encontro.

Neste sentido, unha das poñentes que comezou a súa intervención en galego foi convidada a pasar ao castelán para "facilitar a comprensión das asistentes doutros países".

Exclusión "escandalosa"

Consultada pola exclusión do galego no encontro, a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, puxo de manifesto que non era coñecedora da situación, que cualificou de "escandalosa".

Ortega advertiu que a lingua vehicular da Deputación de Pontevedra é o galego, como así recolle o acordo programático de Goberno entre BNG e PSdeG.

A deputada salientou que, con independencia de que poidan empregarse outros idiomas, nas actividades da Deputación, o galego "ten que ser o idioma principal".

Neste sentido, manifestou que no caso de encontros internacionais, como este, a institución "debe garantir a contratación de persoal tradutor e, insistiu, garantir a presenza da lingua propia".

Comentarios