A Mesa denuncia "frivolidade" e "desleixo" na redacción da nova Lei do audiovisual

A entidade en defensa da lingua publica un informe sobre o contido da proposta lexislativa, cuxo escaso impacto na igualdade entre as linguas contrasta coas declaracións feitas polo Goberno e por outros grupos políticos.
Representantes do Concello de Santiago nun acto da campaña da Mesa "Queremos galego no audiovisual" (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes de A Mesa e do Concello de Compostela nun acto polo galego no audiovisual. (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia "frivolidade" e "desleixo" na redacción da nova Lei do audiovisual do Estado nun detallado informe  que se pode consultar na súa páxina web. "En termos xerais", afirma o texto, "podemos falar de lei de apagado lingüístico no audiovisual, ao non pretender reparar, sequera minimamente, a exclusión do audiovisual feito en galego ou noutra linguas cooficiais".

A entidade salienta "o contraste que existe entre as declaracións feitas polo Goberno e outros grupos políticos ao respecto da Lei e a realidade do texto presentado" e avanza que, de se aprobar tal e como está, "a nova lei terá unha incidencia moi escasa para avanzar cara a igualdade no audiovisual das linguas propias cooficiais e, nomeadamente, da lingua galega".

Ademais de reclamar a incorporación das principais plataformas audiovisuais baixo demanda (Netflix, Disney +, HBO Max,...), urxe maiores cotas de emisión, especialmente nas TV lineais. En todo caso, advirte, se non van acompañadas de financiamento, as cotas de emisión non serán útiles para garantir novas producións e oferta nova nas linguas propias.

"Coa redacción actual referida a linguas oficiais das Comunidades Autónomas, non se garante ningunha cota para as linguas cooficiais diferentes do español". E a lei discrimina no acceso ao financiamento por parte das empresas de servizos audiovisuais ás televisións públicas de ámbito autonómico, como a TVG.

Segundo salienta a Mesa, a Lei consolida a desigualdade histórica no referido á dobraxe, lexendaxe e audiodescricións. "Non se garante para as linguas propias cooficiais, todo o que legalmente ou de facto está plenamente garantido para o español. Só mantén a achega de recursos públicos para dobrar o que en español garanten de por si as produtoras".

Proposta de modificación

No seu informe, a Mesa pola Normalización Lingüística, ratifica o seu compromiso co acordo do Parlamento da Galiza de 12 de maio de 2021: que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda; e que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

En relación ao texto concreto da Lei, recorda que a referencia ás linguas propias cooficiais debe manterse ao longo de todo o texto, que no ámbito de aplicación debe incluír expresamente as plataformas internacionais, que é preciso engadir opcións de lexendaxe, audiodescrición e webs en todas as linguas cooficiais e que os prestadores do servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal deben incorporar dobraxe nas linguas propias cooficiais, estabelecendo transitoriamente axudas e incentivos para a súa inclusión.

Finalmente, con respecto ás cotas de emisión, é preciso estabelecer unha cota ampliada para o servizo público estatal de comunicación e a obriga de dobrar, lexendar, engadir audiodescricións ás linguas propias cooficias en todos os seus contidos, así como unha porcentaxe de financiamento anticipado para producións en linguas propias cooficiais idéntica as cotas de emisión.

Comentarios