"Un escritor galego fecha a Feira do Libro de Frankfurt e ninguén da Xunta asiste"

Manuel Rivas, un dos encargados de pór o ramo á edición deste ano dun dos eventos literarios máis importantes do mundo, lamenta o desleixo do Goberno galego.
Manuel Rivas, canda o esloveno Drago Jančar, na cerimonia de traspaso do papel de 'convidado de honra' a Eslovenia, que o será na próxima edición. (Foto: Feira do Libro de Frankfurt)
photo_camera Manuel Rivas, canda o esloveno Drago Jančar e a alemá Shila Behjat, na cerimonia de traspaso do papel de 'convidado de honra' a Eslovenia, que o será na próxima edición. (Foto: Feira do Libro de Frankfurt)

A Feira do Libro de Frankfurt, unha das citas literarias máis prestixiosas do mundo, puxo o ramo este domingo da man do escritor galego Manuel Rivas, quen compartiu reflexións co esloveno Drago Jančar na cerimonia de entrega do título de 'convidado de honra' ao país balcánico, que o será na edición de 2023 após ostentar esa honra o Estado español no presente ano.

"A literatura é clave para o que non se pode ver", dixo Rivas na súa intervención nesta cerimonia de feche da Feira do Libro, nun evento moderado pola xornalista e publicista alemá Shila Behjat.

Porén, unha vez concluído o evento, o propio Rivas puxo de manifesto a través das redes sociais a ausencia da Xunta da Galiza, que, se ben si tiña un stand na feira, non enviou representantes a un evento de tal transcendencia para a literatura do país.

"Un escritor galego pechou este ano coa súa intervención, xunto co esloveno Drago Jančar, a feira do libro de Frankfurt, a máis importante do mundo editorial. Non asistiu ninguén da Xunta (stand si que tiña)", dixo o escritor.

Ao mesmo tempo, Manuel Rivas incidiu en que, malia esta notábel ausencia, o mundo da cultura non cesa no seu empeño: "Seguiremos proxectando a literatura galega mundo adiante, con institucións ou sen elas".

Beyond Spain

En resposta ao convite de honra ao Estado español a esta feira literaria, entidades culturais da Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans organizaron o evento paralelo Beyond Spain, que ofreceu un "espazo seguro" para a creación cultural e literaria e para as linguas e os dereitos lingüísticos, así como para as ideas "democráticas, antifascistas e anticoloniais".

A Mesa pola Normalización Lingüística foi unha das organizacións participantes, e o seu presidente, Marcos Maceira, salientou que "a creatividade vibrante anunciada para a Feira do Libro ten un lado escuro", pois "mantén a consideración das linguas e das culturas galega, vasca e catalá como inferiores".

Tamén interveu, noutro dos coloquios, Adrián Bravo como representante da plataforma Vía Galega. "O exercermos a plena soberanía, o termos a plena capacidade política, non só é un dereito inalienábel, como nación que somos, senón que se torna imprescindíbel para paralizar o espolio e dispoñer dos nosos recursos naturais e produtivos, para termos un sector financeiro público e propio, para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía", apuntou.

Comentarios