Do 'Wordle' ao 'Pensatermos': o novo xogo que arrasa na Galiza

Trátase dunha versión do 'Paraulògic' catalán.
'Pensatermos' é un xogo desenvolto pola Mesa, baseado no 'Paraulògic' catalán. (Foto: A Mesa)
photo_camera 'Pensatermos' é un xogo desenvolto pola Mesa, baseado no 'Paraulògic' catalán. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL) presentou 'Pensatermos', un xogo gratuíto para móbil e ordenador que ten como inspiración o 'Pauralògic' catalán e que segue coa tendencia de xogos sobre palabras como o Wordle, que tamén conta cunha versión en galego.

No 'Pensatermos', o xogador ou xogadora conta con sete letras coas que debe formar palabras, que lle servirán para sumar puntos. Das sete letras, unha delas aparece marcada en vermello, o que significa que esta letra debe estar presente de forma obrigatoria en calquera das palabras que a persoa queira formar.

As palabras deben contar con, como mínimo, tres letras, e en ningún caso poden ser formas verbais conxugadas nin termos en plural.

En canto ao sistema de puntuación do xogo, estabelécese da maneira: as palabras de tres letras suman un punto, as de catro dous. As palabras de cinco e seis letras suman tantos puntos como letras, mentres que empregando as sete letras da quenda obtéñense 18 puntos.

Adaptación do 'Paraulògic'

O xogo chega á Galiza despois de que varios socios da Mesa, residentes en Catalunya, instasen a asociación a desenvolver unha versión adaptada ao galego do xogo 'Paraulògic'.

Este xogo foi deseñado por Jordi Palau, e desenvolto por Pere Orga para RodaMots. Os propios creadores cederon os dereitos do xogo á Mesa para que puidese desenvolver a súa propia versión na nosa lingua.

En canto á base de datos que emprega o 'Pensatermos', trátase dunha contribución conxunta da Real Academia Galega (RAG) e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo (UVigo). Ambas institucións facilitaron toda a terminoloxía recollida nos seus dicionarios para poder desenvolver o xogo. 

Comentarios