Palabras con memoria: agra das palabras

Prado á beira do río. (Foto: Colectivo Xea).
photo_camera Prado á beira do río. (Foto: Colectivo Xea).

adral.- (Ademais de sinónimo de adro) Peza postiza de madeira que se lle engadía ao carro para poder cargar as patacas, as castañas ou calquera outra mercancía miúda co obxecto de que non caese.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

arrouxar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Arrastrar.

Lugar de escoita.- Salvaterra de Miño.

Fonte.- Toni Machado.

arrunqueirar.- Xuntar o restrebeiro co runqueiro.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

embique.- Últimos sucos que se fan ao acabar de arar nunha terra.

Lugar de escoita.- O Corgo.

Fonte.- Veciño do lugar.

Outros apuntamentos.- Enviada por Paula Sancosmed Maciñeiras, mestra do C.E.I.P. Plurilingüe do Corgo

limpeira.- Malla ou rede de gran dimensión que se leva ao prado para ser depositada nela a herba que se cortou e que despois se ha de transportar como nunha sorte de saca, ben encima do carro, ben ao lombo dun burro ou dunha besta.

Lugar de escoita.- Ferrolterra.

Fonte.- Henrique Dacosta.

runqueiro.- Sinónimo de anciño.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

Comentarios