"Metéronse no historial clínico dos meus pacientes por usar o euskera". Eis o relato dun médico vasco

'Nós Diario' tivo acceso á testemuña de Aitor Montes, médico de familia en Osakidetza, o servizo público de saúde en Euskadi.
Centro de saúde de Aramaio (Foto: Google Maps).
photo_camera Centro de saúde de Aramaio (Foto: Google Maps).

Nos últimos tempos, a vulneración dos dereitos lingüísticos, nomeadamente na Galiza, sufriu un considerábel aumento. Tal e como informaba este xornal esta cuarta feira, as queixas por vulnerar dereitos lingüísticos quintuplicáronse na Galiza.

Mais non é so neste país que se dan este tipo de situación e até ataques polo uso dunha determinada lingua. Nós Diario tivo acceso á testemuña de Aitor Montes, médico de familia en Osakidetza, o servizo público de saúde en Euskadi.

Segundo Montes relata a este xornal, sufriu ataques por parte de compañeiros profesionais polo seu uso do euskera: “Traballo nunha localidade de 1.500 habitantes, Aramaio, e alí a maioría da xente fala en euskera. Cos pacientes falo en castelán ou en euskera, segundo prefiran ou se sintan máis cómodos. Tamén uso o euskera na documentación escrita como follas de evolución, derivacións e demais”.

Segundo explica Montes, os ataques polo seu uso da lingua propia de Euskadi veñen de parte dun anestesista: “Un anestesista meteuse na historia clínica dun dos meus pacientes (delito 197.2 do Código Penal) sen o seu consentimento nin o seu coñecemento para escribir tres notas en inglés para facer un xuízo de valor (afirma que odio ao castelán ou aos españois por usar o euskera) nun documento público, con selo oficial de Osakidetza, e ao mesmo tempo do paciente (a historia clínica é do paciente)”.

Dada esta situación, o médico decidiu pórse en contacto co Colexio de Médicos de Araba para denunciar o acontecido. Nun escrito, ao que tivo acceso Nós Diario, Montes manifesta que “desgraciadamente afectoume persoalmente, xerándome unha sensación de incerteza e de ansiedade. En máis de 20 anos de exercicio, traballando en diferentes centros de saúde e hospitais, é a primeira vez que me acontece algo así”.

“Humillado”

“Créame un gran desasosego que se xulgue o meu desempeño simplemente porque uso o euskera, e que se considere que odio o español, máis aínda na historia clínica e nun documento oficial de Osakidetza”, acrecenta o médico ao tempo que asegura que se sinte “humillado, aldraxado e ameazado simplemente por usar o euskera en Euskadi”.

“Síntome sometido a acoso moral e coaccións por falar e usar a lingua vasca, idioma oficial do noso país, de preferencia tanto para o paciente como para o médico e, por tanto, de acordo c s estándares da medicina” finaliza Montes o seu escrito.

Comentarios