Entrevista

Joseba Azkarraga, ex conselleiro do Goberno vasco: "En Euskadi non houbo un proceso de paz ao uso"

Joseba Azkarraga é unha persoa chave na política vasca e no movemento polos dereitos humanos. Foi senador co PNV, secretario xeral de Eusko Alkartasuna e conselleiro de xustiza do Goberno vasco con Juan José Ibarretxe. Esta cuarta feira estará na Coruña na presentación do libro 'Joseba Azkarraga, la libertad y los derechos humanos como objetivo'.

Joseba Azkarraga, esta terza feira, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
photo_camera Joseba Azkarraga, esta terza feira, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—Desde o Goberno vasco, Parlamentos e movementos sociais, como a plataforma Sare, da que é portavoz; vostede apostou pola paz e os dereitos humanos. Como foi o proceso de paz en Euskadi?
Creo que en Euskadi non houbo un proceso de paz ao uso como os que se deron noutros países atravesados por unha violencia de carácter político como foi o caso de Colombia ou Irlanda. Nestes dous casos podemos dicir que houbo un acordo que, resumindo moito, foi de paz a cambio de presos.

Iso non ocorreu en Euskadi. Na etapa do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero iniciouse unha negociación que foi avalada polo Congreso. Ese proceso foi relativamente ben até que Zapatero perdeu as eleccións, aí finalizou o proceso de paz. O que houbo despois foron tres fases unilaterais por parte de ETA: a primeira foi a fin da loita armada, despois a entrega das armas e xa en 2018 prodúcese a disolución da organización. Mais iso non foi un proceso de paz porque aínda hai nas prisións 196 presos procesados por pertenza a banda armada.

—Fala de 196 presos. Que fica por facer neste ámbito?
Moito. Nos últimos tempos ten habido achegamentos de presos a cárceres vascos, mais aínda fican 34 persoas en prisións de Aragón, Madrid ou Salamanca, polo que poderiamos dicir que hai unha situación de vulneración de dereitos que aínda está vixente. Eu teño a esperanza de que [a dispersión] finalice este ano, mais é só unha esperanza. A xustiza española busca sempre frear o que é unha evolución natural a unha política penitenciaria ordinaria. Isto só responde unicamente a criterios políticos.

O tratamento ás vítimas é algo que tamén debemos debater. As vítimas de ETA merecen toda a reparación, por suposto, mais tamén debemos falar das vítimas do terrorismo de Estado porque se non, estamos construíndo unha convivencia ficticia.

Está na man do Goberno de Euskadi aprobar as progresións de grao dos presos aínda que despois a Fiscalía as recorra

—Hai un ano, o Goberno vasco asumía a competencia en prisións. Que ten mudado desde aquel entón?
O Goberno vasco xestiona desde hai un ano a política penitenciaria do Estado, polo que non hai unha política penitenciaria propia, simplemente se xestiona esa competencia que antes era estatal. Dito isto, o Goberno vasco ten ferramentas importantes que debe pór en marcha. Está na man do Goberno de Euskadi aprobar as progresións de grao dos presos aínda que despois a Fiscalía as recorra. Segue a haber moitas cousas por facer xa que cada día que pasa e un preso que está en condicións de estar en semiliberdade continúa na cadea, é un día que se está a vulnerar un dereito fundamental.

—Sobre as competencias. Continúa a haber competencias sen transferir por parte do Estado ao Goberno vasco. Que opinión lle merece?
Que máis de 40 anos despois sigamos falando das competencias do Estatuto, é como ver o cinema en branco e negro, é algo incomprensíbel. Por iso durante o noso Goberno, con Ibarretxe á cabeza, propuxemos un novo marco de relación co Estado baseado no dereito á libre autodeterminación porque non ten sentido que sigamos falando dun Estatuto que tanta e tanta xente non votou. O noso pobo, á parte de que se xestione ben, precisa ter un horizonte en canto á reivindicación identitaria.

—En dous anos hai eleccións na Galiza e en Euskadi.
Agora estou á marxe da política partidista. Obviamente gustaríame que na Galiza e no meu país gañase unha maioría política que busque uns mínimos comúns que permitisen avanzar nos dereitos nacionais. Non me gustaría que en Euskadi deixemos de buscar puntos de acordo entre independentistas.

"Galeusca sería unha gran ferramenta"

Azkarraga entrou como deputado no Congreso español con pouco máis de 20 anos de idade e desde entón viu moitas maneiras de facer política. Con todo, unha cousa que leva reivindicando desde sempre é a necesidade de utilizar a ferramenta de Galeusca.

"Os procesos soberanistas nas nacións dentro do Estado español pasan necesariamente por unha ruptura co propio Estado. Na Galiza, Euskadi e Catalunya temos unha ferramenta que está hibernada que é a Galeusca. A ruptura co Estado non pode ser en Catalunya só, ou en Euskadi só ou na Galiza só, debe ser algo conxunto e Galeusca é unha gran ferramenta para iso. Ademais, non podemos esperar nada da esquerda española que en teoría ía asaltar os ceos, ao final son españois e non podemos esperar que dean a liberdade aos nosos pobos, a liberdade non se espera, a liberdade conquístase", sinala.

Presentación do libro

O ex parlamentario vasco visita o país esta semana para participar da presentación do libro Joseba Azkarraga, la libertad y los derechos humanos como objetivo, escrito pola historiadora María del Olmo con prólogo do ex lehendakari Juan José Ibarretxe. Na terza feira estivo en Compostela, e esta cuarta é a quenda da Coruña (Asociación Cultural Alexandre Bóveda, 19.30 horas).

Presentación do libro, esta terza feira, na Casa do Taberneiro de Compostela. (Foto: Arxina)
Presentación do libro, esta terza feira, na Casa do Taberneiro de Compostela. (Foto: Arxina)

Comentarios