‘Malas linguas’, unha iniciativa para dar resposta ao “neofranquismo lingüístico”

Unhas xornadas organizadas pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña procuran abrir un debate sobre o retroceso na normalización do galego e fornecer de argumentos para o seu uso.

galego

'Malas linguas. Activando falantes para o século XXI' é o título das catro xornadas organizadas pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e que se desenvolverán entre outubro deste ano e abril de 2019. Unha cita, explicou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, coas que “contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e sobre o caso do galego, e afondar na necesidade de que o estado sexa de verdade democrático e plurilingüístico, no que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua”.

"Queremos activar un argumentario para o galego para todas as persoas,un camiño polo que temos que transitar neste momento no que parece que se está a impoñer unha soa lingua, a hexemónica, e na que o resto son consideradas como linguas de segunda”, indicou.

Nas xornadas debaterase de políticas públicas e normalización, de memoria e transmisión familiar da lingua, de mocidade e de lingua e xéneros, cunha vontade de que “se abran marcos onde poder activar persoas en defensa do idioma, sexan galego ou castelanfalantes, así como dotarnos de ferramentas para combater todas as mentiras que se contan socialmente sobre as linguas, que nos din que unhas son mellores e outras peores, nesta situación de neofranquismo lingüístico na que nos atopamos”, explicou Goretti Sanmartín.

.

Comentarios