mércores 30/09/20
Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua

“A lingua minorizada debe ser prioritaria no seu territorio perante a hexemónica”

O Kursaal donostiarra acollía hai uns días pasada a posta de longo do `Protocolo para garantía dos dereitos lingüísticos', unha ferramenta que supón, en palabras de Paul Bilbao naquel acto, secretario xeral de Kontseilua, “un exercicio práctico de empoderamento” da trintena de comunidades lingüísticas existentes en Europa, entre elas o galego. 

Paul Bilbao Kontseilua
Paul Bilbao


- O Protocolo de Donostia é unha ferramenta que nace dunha participación ampla, case sen precedentes, de axentes implicados en toda Europa na defensa do que se ten denominado linguas minorizadas..

- A inciativa enmárcase dentro da Capital europea Donostia 2016. Cando se presentou o proxecto a Bruxelas a previsión era facer unha conferencia sobre o que chaman linguas minoritarias. Cando Donostia 16 se puxo en contacto con Kontseilua, como organismo que aglutina ao movemento do euskera, nós deciamos, “outro congreso?”. Outra vez máis xuntarnos, contarnos as penas? Por que non facemos algo que deixe marca, algo que deixe legado? Démoslle voltas, decatámonos que no 2016 a Declaración de dereitos lingüísticos faría 25 anos e dixemos, por que non facemos un protocolo? E animámosnos, tendo clara unha liña vermella: que o protocolo ía ser consensuado unicamente por axentes sociais. Os axentes sociais que traballamos coas linguas somos os suxeitos que realmente traballamos desde as necesidades das linguas sen ningunha interferencia política, independentemente de quen estea no goberno. Polo tanto, este exercicio de empoderamento que fixo a sociedade civil organizada que traballa a prol das linguas minorizadas concretouse nese consenso após un traballo sobre cales son as 185 medidas que se deben de tomar para garantir os nosos dereitos.

- Fas fincapé en que é a sociedade civil a que ten a chave, a que impulsa o proceso, iso implica tamén unha responsabilidade importante por parte dos axentes que fan parte deste protocolo...

- O obxectivo do Protocolo non é dicir aos demáis o que teñen que facer. A sociedade civil debe ser consecuente e actuar con responsabilidade. Xa o ten feito así. Eu tiven a sorte nestes meses de coñecer aínda máis sociedade organizada a favor de linguas minorizadas e decátaste que a sociedade civil está ao pé do cañón: creando espazos de uso, creando falantes, medios de comunicación, reivindicando... E iso pasa co galego, co frisio, co friuliano ou o euskera. Nós cremos que grazas á sociedade civil se deron pasos moi importantes e imos seguir actuando con esa responsabilidade.

- Son 185 medidas as que se contemplan no Protocolo...

- É bo ter en conta como está articulado o Protocolo. Nós o que fixemos foi coller a 'Declaración de dereitos lingüísticos' e preguntarnos a partir dese dereito que se debe facer. Por unha banda, hai medidas xerais, onde se fala de que a lingua minorizada debe ter status de oficialidade no seu territorio, que hai que investir recursos, que debe haber unha lexislación acorde cos dereitos... É dicir, que a lingua minorizada debe ser lingua prioritaria perante a hexemónica, o que é unha idea bastante potente.

- Sen dúbida

No Protocolo, ademais dos axenetes sociais houbo seis entidades de renome internacional que nos axudaron a preparar este proxecto. Entidades como Elen ou Pen International, entre outras. E tivemos 15 expertos que deron unha blindaxe académica a estas medidas.

Para alén dos principios xerais aos que nos referimos, no Protocolo hai seis apartados: educación, administración, onomástica, medios de comunicación, cultura e ámbito socio-económico. En cada apartado hai sub-apartados con medidas concretas para cada un deles. Por exemplo, no que atinxe aos medios de comunicación, dentro do dereito a recibir a información en lingua minorizada, propoñemos que se deben gardar na radiotelevisión pública emisoras para a lingua minorizada. Ou unha medida revolucionaria que se recolle no protocolo é que para eses medios que reciben axudas directas ou indirectas dalgún poder público deben ter espazo para as linguas minorizadas. Aí os poderes públicos, sen investir un só euro, poden axudar a reverter a situación. Outra cousa é que o medio decida que non, que non quere meter galego, frisio, bretón... Ben, este protocolo non ataca os dereitos fundamentais, calquer medio ten dereito a empregar a lingua que lle pete. Mais nós o que decimos é que os poderes públicos poden valerse desas ferramentas para incidir na garantía dos dereitos lingüísticos, non se vulnera ningún dereito fundamental. Díselle que o carto público que recibe ese medio debe ser investido a prol da lingua minorizada neste territorio. Todo é política lingüística, calquera decisión que tome un poder público ten implícitamente contido lingüístico.

- O Protocolo ampara perto de 50 millóns de persoas que en Europa somos falantes de linguas diferentes ás estatais. Linguas moi diversas e con circunstancias e realidades sociais, políticas, etc... moi diferentes. Mais foi posíbel atopar un mínimo común...

O protocolo componse de dous documentos. Está o protocolo en si, que é un vademecum, cunha estrutura como calquer outro protocolo. Aliás, existe un caderno,preparado por cada comunidade lingüística pois, evidentemente, non é o mesmo a situación do catalán que o do casubio. Cando estiven en Frisia do Norte, alí decíanme que falar da inmersión na educación era algo para eles imposíbel, estaban aínda noutra fase, estaban loitando por conseguir que houbese profesorado competente en educar en frisio. Por iso, con este protocolo cada comunidade lingüística terá un caderno no que aparecen os indicadores das 185 medidas e explicarase, por exemplo, a que institucións lle competen esas medidas, como implementalas, onde quererían chegar dentro de 5 anos, onde van facer máis forza...

- Estamos nun mundo cada vez máis globalizado, interconectado, cales son os retos para as linguas neste escenario?

- O paradigma de linguas grandes e pequenas non ten sentido. Hai linguas que non teñen moitos falantes mais o feito de que no seu territorio estea plenamente normalizada fai que esa lingua non teña perigo. Hai outras que, aínda que non estean nese perigo, ao non estar totalmente normalizadas, fan que estean nunha situación fráxil embora ter millóns de falantes, como o catalán. O catalán non é unha lingua minoritaria mais está minorizada.

No Protocolo o suxeito de protección é a comunidade lingüística, entendida como recolle a declaración de dereitos lingüísticos, que é ese grupo que dentro do seu territorio quere vivir na lingua dese territorio. Eu non podo vivir en euskera en Euskal Herria. Para que unha lingua poda sobrevivir, a garantía dos dereitos lingüísticos é esencial. Aféctanos a globalización? Claro, tamén nos dá oportunidades, por exemplo internet...

Hai linguas que non teñen millóns e millóns de falantes e que no seu territorio están totalmente normalizadas e que de cara ao mundo empregan outra lingua hexemónica. Aí están Holanda, Dinamarca, Noruega... onde a xente vive con toda normalidade no seu idioma e cara fóra recorren a outra. Non fan como as linguas imperialistas, español, francés ou inglés, que cren que todo o mundo ten que sabelas. Estas están afeitas a ser linguas de imperio, impositivas.

- A respecto do euskera, que diagnóstico farías da súa situación?

- En Euskal Herria temos unha comunidade lingüística dividida. Temos unha no estado e francés, unha no estado español e no estado español está dividida en dúas comunidades: a vasca e a navarra. A realidade do euskera non é unha. No estado francés non temos sequer un recoñecemento colectivo como grupo, Francia non ratificou a Carta das linguas, négase a ratificar o convenio marco... Estase a dar un pequeno repunte no sistema educativo, co traballo das ikastolas, cada vez hai máis pais que envían os fillos ao modelo de inmersión en euskera mais aínda estamos lonxe de falar que se revertiu a situación. No caso da administración, o uso do euskera é máis simbólico que outra cousa.

Na comunidade vasca e navarra a situación é outra. En Nafarroa a comunidade está dividida en tres zonas e segundo cada unha delas recoñécenche uns dereitos ou non. O anterior goberno, de UPN, levou a cabo unha política glotocida en canto ao euskera. Agora hai un novo goberno, que está a dar pasos mais preocúpanos que dentro dos 4 partidos que sustentan ese novo goberno non houbese un acordo para modificar ese estatus que dividía Navarra en tres partes. Pensamos que o cambio ía traer a derrogación desa lei. Preocúpanos que sexa un partido de esquerdas. Izquierda-Ezkerra, o que só con 2 deputados que ten condicione que non se modificase a lei do vascuence.

Na Comunidade vasca é certo que o euskera goza de mellor saúde que nos outros territorios mais está aínda lonxe da súa normalización e iso hai que dicilo. Falta unha política lingüística eficaz, que se poña un plan efectivo en eidos como o sanitario ou socioeconómico podamos vivir en euskera.

Cremos que o Protocolo é unha ferramenta válida para as administracións públicas como petición de axentes de máis de 30 comunidades lingüísticas minorizadas para que o teñan en conta e exerzan as súas políticas de acordo ás medidas recollidas no Protocolo.

- Confiades en que desde as diferentes institucións exista disposición positiva cara este protocolo?

Tendo en conta o apoio que ten este protocolo non poden facer ouvidos xordos. Este protocolo con este apoio que ten, axentes sociais, expertos, entidades non pode ignorarse, Nós agora pediremos que se presente nos diferentes parlamentos, xa desde o goberno de Flandes, por exemplo, contactaron con nós porque queren información, co Consello de Europa imos manter unha xuntanza en xaneiro para ver como se pode confluír o protocolo coa carta europea, que si que é de obrigado cumprimento. Estamos a facer o camiño correcto.

comentarios