"Inflación", "ecocidio" e "autoestima", entre as nominadas á Palabra do Ano 2022

O prazo de votación ficará aberto até o 25 de decembro.
Estamos comezando a ver os efectos da negativa relación prezos enerxéticos–prezos eléctricos– prezos globais. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A inflación é unha das principais preocupacións da cidadanía galega. (Ilustración: Álex Rozados)

Esta terza feira quedou aberta a votación popular —a través desta ligazón— para elixir a Palabra do Ano 2022, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié que busca difundir e dar a coñecer o rico léxico galego.

Así, o obxectivo é atopar unha palabra que incida nalgunha cuestión pública de relevancia dos últimos doce meses, para ben ou para mal, que sintetice dalgún modo como se viviu colectivamente ou que faga referencia a algún fenómeno ou preocupación emerxente.

Nalgunhas ocasións esta palabra pode atoparse a través de neoloxismos, ou ben noutras, pola contra, partindo de voces que xa están presentes na lingua desde hai moito tempo.

Após unha primeira fase de recollida de suxestións que rematou o pasado domingo, agora a cidadanía poderá achegar o seu voto, até o vindeiro 25 de decembro ás 23.59 horas, elixindo entre as seis nominadas para a presente edición: "autoestima", "candorca", "comadre", "ecocidio", "inflación" e "resiliencia".

En edicións anteriores deste pequeno certame popular foron elixidas 'Tanxugueiras' (2021), 'Nós' (2020), 'sentidiño' (2019), 'deseucaliptización' (2018), 'afouteza' (2017), 'irmandade' (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, 'refuxiado/a' (2015) e 'corrupción' (2014).

Comentarios