mércores 27/10/21

Google e Facebook poderán seguir deturpando os topónimos galegos

Aplicacións de xeolocalización co Google Maps ou redes sociais como Facebook poderán seguir usando os topónimos deturpados, pois o Goberno español considera que o ámbito de aplicación da normativa pola que se regula a toponimia oficial do Estado "non alcanza o sector privado". É dicir, fica en mans de empresas privadas, neste caso transnacionais, o uso correcto ou incorrecto dos topónimos do Estado.

mapa 2
Topónimos deturpados en Google Maps.

“Unha decisión política das altas instancias do Estado para reflectir unha visión centralista e homoxénea de monocultivo lingüístico baixo un prisma franquista”. É o que, a ollos do BNG, está detrás do uso deturpado dos topónimos das nacións con linguas propias nas aplicacións de xeolocalización.

A reflexión chega após recibir o deputado do BNG Néstor Rego a resposta ás preguntas escritas rexistradas no Congreso que atinxen o uso deturpado dos topónimos oficiais galegos nas aplicacións de xeolozalización como Google Maps ou redes sociais como Facebook.

O Goberno español considera que o ámbito de aplicación da normativa pola que se regula a toponimia oficial do Estado "non alcanza ao sector privado", co cal, fica en mans de empresas privadas o uso correcto ou incorrecto dos topónimos do Estado.

"Resulta cando menos curioso que a deturpación dos topónimos só afecta a Galiza, Catalunya, Euskal Herria, Valencia e Illes Balears, comunidades con linguas propias, mais non o resto de comunidades monolingües", expresa Rego nun comunicado enviado aos medios.

"O uso incorrecto dos topónimos adoita deberse a que o usuario non ten configurado correctamente o idioma", abunda o Goberno español na resposta, "descargando a súa responsabilidade sobre o uso dos topónimos oficiais sobre o usuario ou usuaria".

Débese á configuración?

Se mudamos a interfaz do móbil ao castelán aparecen os topónimos deturpados en Google Maps, porén se o mudamos ao galego, catalá ou calquera outra liga, mesmo o inglés, os topónimos oficiais aparecen reflectidos correctamente, tanto os que afectan a Galiza como a calquera das outras nacións con linguas propias.

"Sorprende que un madrileño non sexa quen de entender Sanxenxo, Arteixo, Ourense, A Coruña, Touro ou Chandrexa de Queixa, mais esa dificultade desaparece se é un inglés, francés ou un norteamericano de Arkansas", considera o nacionalista.

“Detrás do uso deturpado dos topónimos das nacións con linguas propias nas aplicacións de xeolocalización agóchase unha decisión política das altas instancias do Estado en conivencia con estas transnacionais, da que tampouco escapa a Wikipedia. O obxectivo é claro: reflectir unha visión centralista e homoxénea de monocultivo lingüístico, que non soporta o máis mínimo contraste coa realidade tanxíbel, e que nos retrotrae a tempos do franquismo, cando se impoñía o viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino", afirma Rego.

O BNG insta o Goberno español a actuar e rectificar, ao entender que "o uso da toponimia oficial, que tamén é a oficial do Estado, non pode depender de se o usuario ou usuaria ten ou non configurado correctamente o seu móbil". Neste sentido, ademais de preguntas ao Executivo, o deputado Néstor Rego rexistrou unha proposición non de lei, que se debaterá nas vindeiras semanas para que se corrixan os topónimos das cidades, vilas e lugares da Galiza, substituíndoos pola súa forma oficial e única.

Unha proposta aprobada no Parlamento galego

En 2017, o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade unha proposición non de lei da autoría de Olalla Rodil (BNG) na que se emprazaba o Goberno galego a dirixirse á multinacional norteamericana para que poña fin á desfiguración da toponimia galega.

De momento, a deturpación segue a ser un feito e seguen a aparecer formas como "La Estrada", "Vivero", "Órdenes", "Sanjenjo" ou "Lorenzana". 

comentarios