venres 30/10/20
Conversamos co coordinador do proxecto Galiza Nomeada da RAG

Vicente Feixoo: "Somos un pobo especialmente rico en canto a toponimia e microtoponimia"

Galiza Nomeada é a plataforma de recollida de microtopónimos que lanzou a Real Academia Galega o ano pasado e que, durante o confinamento, dobrou o seu número de colaboracións. Agora ten 20.000 termos rexistrados, e un total de 1.300 persoas colaboradoras rexistradas na app. 
Vicente_Feijoo_5
Vicente Feixoo, coordinador de Galiza Nomeada.

A Real Academia Galega (RAG), en colaboración coa Xunta, lanzou hai nove meses a plataforma Galiza Nomeada, destinada á recolleita de microtopónimos, e suma xa uns 20.000. O número de persoas interesadas no proxecto non deixou de medrar durante o confinamento e ascende a 1.300, unha cifra que duplica a do pasado mes de marzo. A aplicación foi desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) e contou con financiamento do proxecto europeo Geoarpad.

Esta boa evolución da iniciativa dá medida da importancia que ten entre a poboación salvagardar e difundir a microtoponimia tradicional, como parte importante do patrimonio cultural. En palabras de Vicente Feixoo, coordinador de Galiza Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, "todo ese patrimonio vive, basicamente, na memoria da xente maior e, precisamente por iso, corre moito risco de desaparecer". E por iso o mencionado proxecto é, segundo Vicente Feixoo, "urxente e culturalmente importante, para gardar a pequena historia do país, a intrahistoria da aldea".

O coordinador do proxecto destaca que nas décadas de traballo que leva chegou á certeza de que "somos un pobo especialmente rico no tema da toponimia, os que nos dedicamos a isto non coñecemos unha rexión no mundo que teña a densidade de nomes que temos aquí na Galiza, na nosa terra e no noso mar".

Aos 13.000 termos incorporados no que vai de ano, hai que engadirlles 6.600 incorporados durante 2019, na fase de probas desta ferramenta. Os topónimos de leiras, devesas, fontes, penedos ou veigas están dispoñíbeis para consulta pública a través de galicianomeada.xunta.gal ou na propia aplicación móbil.

Os case 20.000 nomes da terra rexistrados grazas á colaboración cidadá súmanse aos topónimos de entidades de poboacións do Nomeclátor da Galiza e aos máis de 430.000 microtopónimos rexistrados polo Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011). Nestes momentos xa é posíbel visualizar máis de 295.000 sobre a imaxe aérea da Galiza e descargar a información dispoñíbel sobre eles.

Sobre o futuro do proxecto, Vicente Feixoo explica que "contamos con que teña moito futuro e que este éxito sexa duradeiro". Así mesmo, recalca que "levamos anos facendo recollida e agora facemos un chamamento á xente galega para que non deixe morrer esta parte da nosa cultura, da nosa identidade" porque, asegura Feixoo, "ao final a toponimia fálanos da identidade colectiva do noso pobo".

Sobre o lanzamento e desenvolvemento de Galiza Nomeada, o coordinador do proxecto conta que "a acollida da iniciativa, da aplicación, nestes nove primeiros meses de vida foi fantástica e esperamos que siga sendo así e que dentro de 5 ou 6 anos poidamos ter toda Galiza cuberta e que toda a microtoponimia figure aí, nese visor de topónimos".

"Eu nas charlas que dou sobre microtoponimia", relata Vicente Feixoo, "sempre lle explico ao auditorio que a toponimia e a microtoponimia non son só lingua, nin só cultura, que tamén, senón que son unha capa de información sobre o noso territorio, que ten múltiples utilidades prácticas, por exemplo para os expedientes de xestión do territorio, para as Administracións públicas, para as asociacións veciñais e culturais, para a organización de roteiros de camiñada, para o turismo...".

Principais colaboracións no proceso de recollida

Segundo comunica a propia RAG hai unha serie de usuarios e usuarias especialmente activos na aplicación e na web. Entre eles quere destacar a Alberte Reboreda, que incluíu 2.169 topónimos nos concellos de Mondariz Balneario e Mondariz, e ao alumnado do Instituto de Ensino Secundario (IES) Pintor Colmeiro, que achegou 1.187 topónimos do concello de Silleda procedentes do proxecto didáctico A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, un traballo de recompilación toponímica e lendaria que gañou o Premio Didáctico Antonio Fraguas no curso escolar 2014-2015.

A RAG destaca tamén as achegas de Susana Silva, con máis de 1.000 topónimos compilados en Rianxo; Ana Clotilde Bravo, tamén con máis de 600 no mesmo concello; Xoán Carlos García Porral, que traballou a área de Lalín con 630 nomes (ademais de dirixir o alumnado do IES Pintor Colmeiro de Silleda); Xulio Dobarro, do concello do Irixo (con 515 microtopónimos); Rocío Romar (con medio milleiro) en Malpica de Bergantiños; Miguel Conde, con 461 nomes na Pobra do Caramiñal; Ana Martina Varela con 400 na área de Cabana de Bergantiños; ou Sandra Beis, cun total de 376 achegas, correspondentes á zona de Touro.

A listaxe de concellos máis colaborativos

O concello de Rianxo é o termo municipal cun maior número de achegas á plataforma Galiza Nomeada, con máis de 1.800 topónimos engadidos, e vai seguido moi de preto por Silleda, con máis de 1.400 nomes e por Mondariz, con 1.300.

Desde outros municipios aínda non se incluíu ningún novo topónimo a través desta aplicación colaborativa, informa a Real Academia Galega, pero nalgúns deles xa se recompilara microtoponimia grazas a un proxecto anterior, Toponimia de Galicia. É o caso de Tomiño, Vedra, Toques, Cambre, A Gudiña ou Portomarín. Outros 37 concellos, citan as mesmas fontes, como Laxe, Muxía, Tordoia, Trazo, Becerreá, Cervantes, Negueira de Muñiz, A Peroxa, Barbadás, Laza, Lobeira, Cuntis, Forcarei ou Meis, aínda non rexistraron ningún nome, probabelmente debido a seu acelerado despoboamento.

comentarios