Expulsan por segunda vez en seis meses un paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro por solicitar documentos en galego
Un paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo vén de ser novamente expulsado -por segunda vez en seis meses- polos gardas de seguridade do complexo sanitario, após solicitar que lle entregasen en galego un consentimento informado para a realización dunha operación.
De igual maneira que en abril deste ano, a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, foi quen deu a coñecer esta situación nas redes sociais. A través da súa conta de Twitter, Quintas detallou como o Sergas “non pon a disposición dos interesados os consentimentos informados en galego nas consultas”.
“O cidadán ao que o Sergas denega o consentimento informado en galego acaba de ser arrastrado para o exterior do centro hospitalario por membros da seguridade e os axentes da policía presentaron denuncia contra el”, criticou.
“Por que este doente ou calquera de nós temos que pór unha reclamación, agardar e volver outro día para exercer os nosos dereitos?”, lamentou a vicepresidenta da Mesa, para indicar que non é a primeira vez que vive esta situación, e que o consentimento informado que lle denegan en galego é o mesmo “que lle facilitaran daquela [en abril]”, unha semana despois de presentar unha reclamación e ser tamén expulsado do hospital.
20 anos “nesta situación”
Cando o expulsaron por primeira vez do hospital Álvaro Cunqueiro, o doente, en conversa con Nós Diario, explicara que sofre unha afección crónica que lle obriga a ter que ser sometido a cirurxías cada certo tempo, para as que pide que lle entreguen a documentación en galego.
"Levo 20 anos nesta situación, xa presentei 9 queixas por escrito para que me entreguen os consentimentos Informados en galego, e hoxe decidín plantarme", aseguraba naquel momento. O paciente preguntábase "que diría Cunqueiro se entrase no hospital que leva o seu nome e lle dixesen que non pode ser atendido en galego?".
Para o doente, "se a situación fose á inversa, e o Sergas negase a atención en castelán a un doente, todos os medios estatais dirían que a Xunta está a practicar o supremacismo lingüístico co galego”.
Preguntado por se pensaba que o sucedido podía cambiar a súa situación, asegurou que non. "Se nun ano necesito outro Consentimento Informado, volverei atoparme nesta situación", lamentaba -cumpríndose as súas palabras seis meses despois-, "polo que ante a inacción das administracións, a cidadanía debe protestar, empregando a desobediencia pacífica e non violenta".