Expulsan por segunda vez en seis meses un paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro por solicitar documentos en galego

O doente xa vivira esta situación en abril, após negarse o Sergas a entregarlle un consentimento informado en galego.
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sergas)
photo_camera O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sergas)

Un paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo vén de ser novamente expulsado -por segunda vez en seis meses- polos gardas de seguridade do complexo sanitario, após solicitar que lle entregasen en galego un consentimento informado para a realización dunha operación.

De igual maneira que en abril deste ano, a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, foi quen deu a coñecer esta situación nas redes sociais. A través da súa conta de Twitter, Quintas detallou como o Sergas “non pon a disposición dos interesados os consentimentos informados en galego nas consultas”.

“O cidadán ao que o Sergas denega o consentimento informado en galego acaba de ser arrastrado para o exterior do centro hospitalario por membros da seguridade e os axentes da policía presentaron denuncia contra el”, criticou.

“Por que este doente ou calquera de nós temos que pór unha reclamación, agardar e volver outro día para exercer os nosos dereitos?”, lamentou a vicepresidenta da Mesa, para indicar que non é a primeira vez que vive esta situación, e que o consentimento informado que lle denegan en galego é o mesmo “que lle facilitaran daquela [en abril]”, unha semana despois de presentar unha reclamación e ser tamén expulsado do hospital.

20 anos “nesta situación”

Cando o expulsaron por primeira vez do hospital Álvaro Cunqueiro, o doente, en conversa con Nós Diario, explicara que sofre unha afección crónica que lle obriga a ter que ser sometido a cirurxías cada certo tempo, para as que pide que lle entreguen a documentación en galego.

"Levo 20 anos nesta situación, xa presentei 9 queixas por escrito para que me entreguen os consentimentos Informados en galego, e hoxe decidín plantarme", aseguraba naquel momento. O paciente preguntábase "que diría Cunqueiro se entrase no hospital que leva o seu nome e lle dixesen que non pode ser atendido en galego?".

Para o doente, "se a situación fose á inversa, e o Sergas negase a atención en castelán a un doente, todos os medios estatais dirían que a Xunta está a practicar o supremacismo lingüístico co galego”.

Preguntado por se pensaba que o sucedido podía cambiar a súa situación, asegurou que non. "Se nun ano necesito outro Consentimento Informado, volverei atoparme nesta situación", lamentaba -cumpríndose as súas palabras seis meses despois-, "polo que ante a inacción das administracións, a cidadanía debe protestar, empregando a desobediencia pacífica e non violenta".

Comentarios