O BNG urxe o Goberno do Estado a rectificar e permitir a mobilización convocada na Toxa en defensa dos dereitos lingüísticos

Tras coñecer a prohibición, por parte da Subdelegación do Goberno, da concentración convocada por A Mesa, o BNG rexistra iniciativas de urxencia exixindo que se garanta o exercicio de dereitos fundamentais como o de manifestación ou expresión

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar de urxencia iniciativas sobre a prohibición para realizar a concentración solicitada por A Mesa pola Normalización Lingüística o vindeiro 29 de setembro na ponte da Toxa, no Concello do Grove. A organización nacionalista demanda explicacións tras o veto da Subdelegación do Goberno que impide exercer o dereito de manifestación da cidadanía galega e urxe a rectificación do executivo para que se poida celebrar a mobilización en defensa dos dereitos lingüísticos. De non rectificar, o deputado nacionalista alerta de que o Goberno do Estado estaría empregando argumentos políticos para impedir a presenza de movementos sociais durante a celebración do Congreso-Foro Atlántico.

Despois de que A Mesa Pola Normalización Lingüística comunicara, tal e como marca a lexislación vixente, a convocatoria dunha concentración na Ponte da Toxa, no Concello do Grove, para o vindeiro 29 de setembro, e modificase a hora da mobilización tras a petición remitida pola Subdelegación do Goberno, ven de recibir no día de onte un comunicado prohibindo a súa realización.  A mobilización solicitada ten como obxectivo defender a normalización da lingua galega, posto que o Congreso-Foro Atlántico emprega o nome deturpado da illa en lugar do oficial e legal en galego: A Toxa.

 

"A prohibición máis parece fundada en argumentos políticos que xurídicos, e no interese de impedir a presenza de movementos sociais en defensa da normalización da lingua galega" afirma o deputado nacionalista após coñecer o veto da Subdelegación do Goberno. De facto, a institución alega no seu segundo comunicado que a concentración se situaría polo lugar de acceso á illa, o que dificultaría o acceso. "Mais este argumento non se sostén cando a propia Subdelegación solicitou o cambio de hora e cando podería propoñer tamén un cambio de itinerario, por exemplo marcar a ocupación de só un carril, para garantir o acceso ao evento e á illa para o resto de residentes" sinala Rego.

"Parece sorprendente que o Goberno español en vez de preocuparse porque se respecte a legalidade, neste caso, da toponimia galega, o que faga sexa atacar e vulnerar dereitos fundamentais como o de manifestación ou expresión" destaca o deputado do  BNG. Para Néstor Rego, o que está claro é que "detrás desta prohibición hai un interese político de que este evento –en que participan autoridades destacadas- non teña unha protesta social por esta vulneración da legalidade lingüística e deturpación da toponimia galega".

Por último, a organización nacionalista lembra que o ano pasado produciuse unha concentración polo mesmo motivo durante a celebración do Congreso mais, aínda que foi pacífica por parte da organización que a convocaba, supuxo a identificación de catro persoas pola policía e aplicóuselles a Lei Mordaza. "Estamos diante dunha continuidade, por parte do Goberno español, dunha política represiva que coarta dereitos fundamentais. O BNG reclama que o executivo rectifique canto antes e permita a realización desta concentración" resume Rego. 

comentarios