A CGENDL quere compromisos dos partidos políticos polo 21-O

Desde a Coordinadora de equipos de normalización e dinamización lingüística propoñen medidas directas de defensa e apoio da lingua galega para os programas electorais das formacións que se presentan ás eleccións.
Equipo de Normalización Lingüística do C.E.I.P. do Hío

A Coordinadora de equipos de normalización e dinamización lingüística, CGENDL, propón unha serie de medidas de defensa do galego aos partidos políticos que se presentan a estas eleccións o vindeiro 21-O. Realizáronse despois de recoller ideas dos máis de 400 equipos que funcionan no país. O documento, enviado ás diferentes formacións, fala de tres ámbitos: ensino, Equipos de normalización e sociedade. Entre elas figuran a propia defensa do colectivo que, segundo denuncian, "sofre ataques por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua". Os CGENDL queren unha "promoción real" das actividades, unha orientación correcta do traballo e desenvolver programas formativos para @s docentes dos equipos. Tamén aconsellan unha boa promoción na rede, a convocatoria de axudas anuais xunto a un apoio económico planificado.

A administración debería asegurar a liberdade lingüística de opción da cidadanía polo que propoñen accións que aseguren o coñecemento da lingua galega d@s funcionari@s

Peticións para o ensino
As propostas no ámbito do ensino comezan coa petición aos partidos políticos que apoien a derrogación do decreto 79/2010 "porque ataca directamente a supervivencia do noso idioma ao facer que moito estudantado galego non acade a competencia mínima na lingua propia", apuntan na CGENDL "e a elaboración dun decreto de promoción do idioma galego no ensino a partir do Plan Xeral pola Normalización, referendado por unanimidade no Parlamento Galego".

Un dos apartados máis castigados nos últimos anos foi o da educación Infantil e nel propoñen a implantación de liñas de galego nos primeiros anos de escolarización e a eliminación da polémica enquisa que segrega o alumnado e "enfronta a sociedade e marxina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias". A CGENDL pensa que sería positiva a implantación progresiva dos Programas Integrados de Linguas, "única maneira real de que o alumnado aprenda a lingua propia e desde ela adquira outras linguas".

Falta de recursos
A CGENDL pensa que os partidos políticos deberían contar, nos seus programas, cunha aposta desde a administración polo "fomento da elaboración de recursos didácticos, actualizados e de calidade, para impartir aulas en galego, e de recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidades educativas especiais". Poñen como exemplo que algúns programas, como o Abalar, teñen escaso material en galego, e outros, como o “Preescolar na casa” terían que retomarse. Por último piden a "implicación de toda a comunidade educativa no proceso de normalización, a través de asesoramento de inspección educativa, campañas específicas e cursos" e "unha introdución progresiva do Portugués como materia optativa".

Desde as institucións
"Ten que existir un diálogo entre todos os actores sociais", apuntan na CGENDL. A administración debería asegurar a liberdade lingüística de opción da cidadanía polo que propoñen accións que aseguren o coñecemento da lingua galega d@s funcionari@s persoas empregadas nas institucións públicas. Sabedor@s da importancia que teñen os medios de comunicación na sociedade actual propoñen un maior apoio a aquelas que empreguen o galego e, mais en concreto, a transformación de Radio Galega Música nunha "emisora de incentivación".

Comentarios