A Academia Valenciana lémbralle ao PP que catalán e valenciano son a mesma lingua

A Academia Valenciana da Lingua remitiu unha declaración institucional ás Cortes Valencianas para manifestar a súa oposición á Proposición non de lei do PP na que se demandaba que a Real Academia da Lingua Española deixase de considerar a valenciá como parte da lingua catalá. 

Ramom Ferrer, presidente da AVL
photo_camera Ramom Ferrer, presidente da AVL

A Academia Valenciana da Lingua desautoriza o PP a través da súa declaración institucional e acúsao de vulnerar o ordenamento xurídico ao desatender tanto o “Dictame sobre els principis i criteris per a la defensa de la denominació i l´entitat del valencià” como a normativa lingüística oficial. 

A institución responsábel da normativa insta á mesa das Cortes a comunicarlle ao grupo parlamentario popular, ao igual que ao resto das formacións políticas, a vulneración do ordenamento xurídico no que incorre a proposición do PP e lembra o ditame aprobado pola entidade con competencia en materia lingüística en 2005. Lamenta tamén que o PP non respecte na redacción do texto a normativa de aplicación obrigatoria nas administracións públicas da Comunidade Valenciana. 

A proposición non de lei do PP foi presentada o pasado día 13 de xuño e nela ínstase ao goberno valenciano a se dirixir á Real Academia Española para que recoñecese no seu dicionario que o valenciano é a lingua propia da comunidade, diferente do catalán. A Academia Valenciana da Lingua critica que mesmo nese texto de carácter oficial, o PP empregue fórmulas propias de entidades que reclaman a diferenciación lingüística. A AVL está presidida por Ramón Ferrer que chegou á máxima representación coa maioría de votos do plenario que apostaron no seu espírito "secesionista" fronte outro candidato de carácter unionista.

Tamén en Aragón

Recentemente, o PP de Luisa Fernanda Rudi ideou en Aragón o LAPAO (Lingua aragonesa propia da área oriental). Trátase da nova denominación coa que tenciona diferenciar e eliminar o catalán de Aragón a través da lei que vén de ser aprobada nas Cortes de Aragón. Coa nova lei prevese tamén a creación dunha academia propia, a Academia Aragonés da Lingua, que terá competencia á hora de establecer a toponimia e os nomes oficiais da comunidade, co que o catalán deixará de ser a lingua oficial dos topónimos da Franxa aragonesa. A nova lei contempla tamén que o catalán deixará de ser a lingua empregada nos documentos dos concellos da Franxa.

O Institut d'Estudis Catalans (IEC) pronunciouse ao respecto, cualificando de impropia a decisión aprobada polas Cortes aragonesas para a nova denominación do catalán que se fala na franxa. Para o Institut, o Lapao non é nome de ningunha lingua, como tampouco o é a Lingua Aragonesa Oficial do Estado (Laoe) nin Lingua Aragonesa Propia das Áreas Pirenaica e Prepirenaica (Lapapyp), denominacións que tamén aparecen na lei.

Comentarios