'Marcha pola dignidade': A loita contra a deturpación dos topónimos volve á Toxa

Imaxe da concentración do pasado 29 de setembro.
Este sábado, 16 de outubro, decorrerá unha marcha convocada pola Mesa porla Normalización Lingüística. 

"O sábado día 16 ás 12 horas voltaremos á ponte da Toxa polo seu nome e por todos os que queren eliminar". Así anunia A Mesa a mobilización que esta fin de semana decorrerá neste punto da Ría de Arousa na defensa dos topónimos galegos, os únicos legais. 

O pasado 29 de setembro a Garda Civil impediu a un grupo de activistas da Mesa pola Normalización Lingüística protestaren pola "barbarización do nome da Illa da Toxa" polo Foro de La Toja, organizado pola empresa Hotusa e que contou coa participación de altos representantes do Estado e goberno españois e da Xunta de Galiza.

O nome dun lugar identifícao, xunto con outros moitos aspectos, como parte do país ao que pertence. Borrar o seu nome é borrar todo o que está vinculado a el e as referencias que o sitúan

"Á empresa hoteleira vén de lle ser concecida unha achega pública de 241 millóns de euros, o que non serviu polo momento para que utilice a única forma legal e lexítima da Toxa e nen tan sequera para que as autoridades públicas reclamen da empresa que cumpra a legalidade", sinalan desde a organización pola defensa da lingua.

Pola contra a representación do Goberno español "só quixo evitar unha concentración que reclamaba o cumprimento da escasa lexislación que ampara o galego, nomeadamente o artigo 10.1 da LNL: “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.

O caso da Toxa non é o único de deturpación toponímica

"O nome dun lugar identifícao, xunto con outros moitos aspectos, como parte do país ao que pertence. Borrar o seu nome é borrar todo o que está vinculado a el e as referencias que o sitúan. Renomealo é faltar á dignidade de quen lle deu nome e existencia", manifesta A Mesa..

O caso da Toxa non é o único de deturpación toponímica, lembran. Cada día é máis habitual por parte de entidades e institucións  públicas nunha actitude que "alenta a deformación dos nomes de lugar por parte de algunhas empresas, mesmo da relevancia de Google na nomenclatura do seus mapas".