Coas túas imaxes faise o teu videoclip

Sonda Norte é un novo modelo de rede cultural. Desde Ribadeo, con aire mariñán, expórtase un novo xeito de facer cultura desde a mocidade. Rede, cooperación, proxectos colectivos son as palabras claves.

Arredor de 60 mozos e mozas toman parte na rede cultural Sonda Norte, promovida desde o concello de Ribadeo. Suman forzas para producir cultura pero non é o resultado o que se pon sobre a mesa de forma prioritaria. É o proceso, o novo xeito de actuar en resposta a outros conceptos os que queren afastar do vocabulario da Sonda do Norte como o individualismo, a crise de ideas ou a demolición de iniciativas culturais. “Interésanos a cultura cando achega valor no ámbito social, no ámbito local, na autoestima das persoas, no desenvolvemento das capacidades creativas de todas e todos” apuntan nas bases da proposta.

Creouse, para lle dar corpo á idea, unha asemblea aberta e unha coordinadora organizativa e no camiño xa se fura en varios proxectos cooperativos. Quen sabe de audiovisual botará unha man á quen faga música para que teñan os seus videoclips promocionais, as que escriben cadrarán coas ilustradoras e así, construíndo rede, formaranse todas as combinacións posíbeis. Esta mocidade creativa da comarca é tamén a que lle dá corpo ao propio programa ao teren a autoría de fotografías, vídeos promocionais, logotipos ou a propia web da iniciativa.

Como unha iniciativa colectiva que busca estabelecer vencellos de colaboración entre a xente nova do ámbito da cultura e a creatividade nace esta Sonda Norte, promovida polo Concelleiro de Mocidade de Ribadeo, Xavier Campos. “Sonda Norte nace da constatación do grande dinamismo creativo que a xente moza tivo e ten en Ribadeo. Tiñamos vontade de crear algunha ferramenta, asociativa ou doutro tipo, para sumar forzas e conseguirmos máis visibilidade e posibilidades para o desenvolvemento das ideas da mocidade” anota o concelleiro que ten ademais unha longa experiencia na xestión cultural. Sonda Norte, a través da Concellería de Mocidade, mantén colaboración con outras áreas do concello  como igualdade, cultura ou desenvolvemento local.

Para Xavier Campos, Sonda Norte é un modelo que se pode exportar fóra de Ribadeo. “De feito nós bebemos á hora de crear Sonda Norte do que foi Leña Verde en Boiro. Chega con estar esperto á realidade na que vives e apostar polo talento e a capacidade creativa da mocidade do teu lugar, sen paternalismos, con fórmulas que vaian máis alá da subvención ou o concurso. Interésanme as propostas que son capaces de crear vínculos reais entre as persoas e favoreceren, a partir dese contacto, o nacemento de novas ideas e novas realidades” defende Xavier Campos.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios