Aumento do sector público

A Fundación Cela xa é da Xunta

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo anunciou que a Fundación Cela pasa a formar parte do sector público. O BNG cuestiona a decisión e quere saber se vai asumir tamén as débedas da entidade.

Nun consello no que Feijoo anunciou eliminar ou reestruturar 25 entes públicos e mellorar 30 daba a coñecer a decisión de asumir para o sector público a Fundación Cela, até agora presidida pola viúva do escritor e con sede en Padrón. A medida suporá o cambio na estrutura dos órganos de dirección da entidade e tamén o inicio do proceso que trasladará os fondos do arquivo do escritor á Cidade da Cultura, decisión que se atopara coa oposición da veciñanza de Padrón que protagonizara diversas manifestacións.

A entidade presidida até agora por Marina Castaño contará a partir da formalización do traspaso co Conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez como presidente dun padroado integrado por vinte persoas entre as que se conta co ex-ministro de Cultura César Antonio Molina.

O BNG, a través da deputada Ana Pontón, cuestiona o traspaso e pregunta se a Xunta vai asumir tamén as débedas dunha Fundación que desenvolveu unha xestión “totalmente desbaldidora”. Significa, ao seu ver, que a Xunta favorece con esta medida unha entidade que “ acabou na ruína por culpa da neglixencia de quen estaba á fronte da súa xerencia, con salarios millonarios, e lembra que xa no seu momento fora axudada para agochar os seus buratos e tapalos con fondos públicos”. Demandou tamén transparencia e interesouse pola investigación que fora aprobada cun acordo unánime do parlamento para aclarar o estado de contas da Fundación. A investigación fora reclamada polo BNG no ano 2010 cando o padroado da Fundación aceptara comezar o proceso para a súa integración no sector público. Os datos que daquela se manexaban eran dunha débeda de 221897 débedas en 2009.

Cultura do país

Alén diso, a deputada do BNG lamentou que o PP na Xunta continúe a desmantelar a cultura do país mentres emprega os fondos públicos en promover “unha figura que non pertence ao sistema cultural e literario galego”. Ao mesmo tempo, puxo sobre a mesa a contradición do goberno da Xunta que, mentres se gaba de reducir a administración paralela, incrementa o número de fundacións públicas deficitarias.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios