Quen é Viktor Medvedchuk, líder da oposición en Ucraína e empresario

O presidente Zelenski ordenou o pasado ano, cando aínda non principiara a invasión rusa, fechar oito canles de televisión da propiedade do tamén deputado opositor Taras Kozak por "difundir propaganda rusa", e posteriormente detivo Medvedchuk acusado de "alta traizón" e "saqueo de recursos" en Crimea.
Viktor Medvedchuk, no centro da imaxe, após coñecer a súa condena o pasado ano. (Foto: Sergéi Chuzavkov / Zuma Press)
photo_camera Viktor Medvedchuk, no centro da imaxe, após coñecer a súa condena o pasado ano. (Foto: Sergéi Chuzavkov / Zuma Press)

Esta terza feira deu a volta ao globo a imaxe difundida polo presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, da captura do deputado Víktor Medvedchuk, un dos líderes do principal partido opositor no país, Plataforma de Oposición-Pola Vida, o segundo máis votado após a formación de Zelenski —Servidor do Pobo—.

Medvedchuk aparece vestido cun traxe militar, segundo a intelixencia ucraína co obxectivo de "ocultarse das forzas nacionais" tras ter fuxido do seu arresto domiciliario [desde mediados do pasado ano], algo que Zelenski cualificou de "cinismo".

Xa en febreiro de 2021, o Goberno ucraíno impuxo unha serie de sancións a Medvedchuk e o tamén deputado de Plataforma de Oposición Taras Kozak. En consecuencia, foron fechadas oito canles de televisión propiedade deste último empresario: 112-TV, NewsOne, ZIK, Novy Format, Ariadna TV, TV Vybor, Partner Tv e Leader TV, consideradas o "principal altofalante" do partido opositor.

A ollos do líder da oposición e home de negocios, Zelenski buscaba con esta medida "limpar o campo informativo" para "frear a caída da súa popularidade", nun momento no que aínda non principiaran as hostilidades de Rusia.

O presidente, pola súa parte, xustificou a decisión alegando que se trataba de "propaganda financiada polo país agresor [Rusia]" e que "a loita pola independencia é loitar tamén a guerra de informacións pola verdade e os valores europeos".

Só tres meses despois, en maio, un tribunal ucraíno impuxo arresto domiciliario a Medvedchuk, acusado de "alta traizón" e "saqueo de recursos nacionais" en Crimea, onde presuntamente tería adquirido xacementos de gas e petróleo en conivencia con Rusia. O deputado opositor cualificouno de "represión política".

A Xustiza ucraína acusábao de "producir de maneira irregular petróleo e gas" na rexión do mar Negro e "facilitar" a través da subministración de carbón as actividades dunha "organización terrorista" no Donbass.

Comentarios