A xustiza sarda nega a extradición e Puigdemont fica libre

A detención de Puigdemont en Sardeña rematou como o arresto de 2018 en Alemaña, cun novo revés para a Xustiza española, que ve como os tribunais doutros Estados da UE censuran as súas pretensións de extraditar as e os organizadores do referendo de autodeterminación de Catalunya en 2017.
Chegada de Carles Puigdemont ao Tribunal de Apelación de Sassari (Sardeña). (Foto: Consell per la República)
photo_camera Chegada de Carles Puigdemont ao Tribunal de Apelación de Sassari (Sardeña). (Foto: Consell per la República)

O Tribunal de Apelacións de Sassari (Sardeña) decidiu esta segunda feira frear o procedemento da euroorde contra o ex president de Catalunya, Carles Puigdemont, até que se resolvan os litixios na Unión Europea (UE), polo que queda finalmente libre, logo de ser detido o pasado 23 de setembro e liberado un día despois na illa mediterránea.

Sobre a mesa, a xuíza Plinia Azzena tiña por unha banda a solicitude dos avogados do exiliado político, que sosteñen que calquera orde europea de detención está en suspenso até que a Xustiza da UE tome unha decisión sobre as preguntas prexudiciais formuladas polo maxistrado do Tribunal Supremo, Pablo Llarena, e sobre a inmunidade de Puigdemont como deputado no Parlamento Europeo.

Esta posición é compartida até pola Avogacía Xeral do Estado, dependente do Ministerio de Xustiza.

Pola outra, Llarena insistiu en que a euroorde sigue vixente, chegando a emitir onte un novo escrito no que solicita que tamén as ex conselleiras e exiliadas políticas, Clara Ponsatí e Antoni Comín, que estiveron en Sardeña xunta o ex president, sexan arrestadas.

Porén, a Fiscalía non aceptou os argumentos do maxistrado e pediu ao tribunal que o proceso de extradición fora suspendido, sinalando que primeiro ten que haber unha decisión do Tribunal de Xustiza e do Tribunal Xeral da UE.

Na chegada ao Tribunal de Apelacións, Puigdemont foi recibido por unha mobilización do independentismo sardo e acompañado por unha delegación do Govern e das forzas políticas catalás, entre a que se atopaba a conselleira de Presidencia, Laura Vilagrà, e a de Xustiza, Loures Ciuró.

Amais, 21 membros da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa fixeron pública unha declaración na que condenan a represión do Estado español contra o soberanismo e reclaman a retirada das euroordes contra as e os exiliados, así como a apertura dunha negociación política para garantir unha solución pacífica ao conflito.

Ao tempo, o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, advertiu antes da declaración de Puigdemont, que é “imprescindíbel a retirada das euroordes e a fin da persecución xudicial".

Conmemoran en Barcelona o cuarto aniversario da folga xeral do 3-O

O 3 de outubro de 2017, apenas 48 horas despois da celebración dun referendo de independencia en Catalunya que deixou máis de mil persoas feridas a mans da Policía, os sindicatos CGT, IAC, CO.BAS, CNT, COS e SO convocaron unha folga xeral para exixir ao Estado a fin da represión e máis respecto para o dereito de autodeterminación no territorio. Desde primeira hora da mañá, 15 autoestradas, autovías e estradas principais foron cortadas, así como estacións de tren e outros centros de transporte, acompañados de manifestacións multitudinarias.

Este domingo, unha marcha percorreu a avenida Diagonal de Barcelona para conmemorar o cuarto aniversario da xornada, tras o chamamento das mesmas forzas sindicais, agrupadas na Plataforma 3 d’Octubre.

Comentarios