O 'Govern' promete alcanzar a independencia

Acto institucional polo cuarto aniversario do 1-O en Barcelona co Executivo catalán en pleno. Nel, Pere Aragonès comprometeuse a culminar a independencia.
O Executivo catalán en pleno, co presidente Aragonès á cabeza, no aniversario do referendo do 1 de outubro de 2017. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera O Executivo catalán, co presidente Aragonès á cabeza, no aniversario do referendo do 1 de outubro de 2017. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

“Este Goberno declárase herdeiro do referendo do 1-O, e comprométese a continuar o camiño cara á independencia”, proclamou esta sexta feira o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, acompañado do resto do Executivo no acto institucional polo cuarto aniversario do referendo de autodeterminación en Catalunya, que decorreu no recinto da Maternitat (Barcelona).

Para culminar ese proceso, “Catalunya volverá votar”, aseverou o president, incidindo en que “o referendo é inevitábel, sábeno as catalás e cataláns, e sábeno o Estado”, salientou.

Aragonès definiu ese día como “un dos momentos máis relevantes da nosa historia”, ao vencellar o pobo catalán o “seu futuro ao exercicio da democracia, algo inimaxinábel sen a forza colectiva”.

Porén, proseguiu, “a resposta do Estado foi violencia, represión, xudicialización, prisión e exilio forzoso”, explicou, rememorando unha xornada que deixou 991 persoas feridas a mans da Policía, segundo datos do Departament de Salut da Generalitat de Catalunya corroborados por investigacións posteriores. Unha delas perdeu un ollo tras recibir un disparo dunha pelota de foam, e até un de cada catro persoas feridas presentaba traumatismos na cabeza.

Esta actuación amosa a “impotencia” do Estado, sostivo Aragonès, que advertiu que “nin a violencia nin a intimidación” van frear as aspiracións de liberdade para que “a cidadanía de Catalunya viva mellor”.

Ademais, fixo un chamamento a “traballar xuntos” e xerar “grandes consensos”, que considera o único xeito de avanzar. Para o seu gabinete, asegurou, eses consensos están claros, “fin da represión e referendo, autodeterminación e amnistía”.

Un referendo marcado pola represión

Os resultados oficiais da votación do 1 de outubro de 2017 revelan que participaron 2.286.217 persoas, un 43% do censo electoral. O 90,2% dos votos válidos expresaron un si á independencia (2.044.038 persoas), o 7,8% optou polo non (177.547) e o 2% decidiuse polo sufraxio en branco (44.913), con 19.719 votos nulos.

Todo isto a pesar de que a Policía intentou fechar varios colexios electorais desde primeira hora da mañá por medio da violencia, nun operativo con 6.500 axentes.

Comentarios