Pere Aragonès acusa a xustiza española de boicotear o diálogo

Tras a detención de Carles Puigdemont en Sardeña medran as críticas á mesa de diálogo bilateral entre Catalunya e o Estado, que Pere Aragonès sigue a considerar a mellor vía para solucionar o conflito político. O Presidente catalán responsabiliza a cúpula xudicial española por obstaculizala.
Victòria Alsina (conselleira de Acción Exterior e Transparencia), Jordi Puigneró (vicepresidente da Generalitat), Pere Aragonès (presidente) e Carles Puigdemont (ex presidente) o sábado en Sardeña. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Victòria Alsina (conselleira de Acción Exterior e Transparencia), Jordi Puigneró (vicepresidente da Generalitat), Pere Aragonès (presidente) e Carles Puigdemont (ex presidente) o sábado en Sardeña. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

“Vemos que o aparato xudicial do Estado mantén a vía represiva e o Goberno español non pode facer ver que non ten que ver con el”, aseverou onte Pere Aragonès, presidente da Generalitat de Catalunya, responsabilizando o Poder Xudicial de impulsar a detención do ex president Carles Puigdemont a noite da pasada quinta feira en Sardeña.

Aragonès recoñeceu que non lle constaba que o Executivo estatal estivera implicado no arresto, e arremeteu contra a “cúpula xudicial española que fai política” para evitar o diálogo.

A pesar diso, a Policía española estaba ao tanto da detención do exiliado, que contou coa participación dunha unidade especial italiana chegada desde Roma, desvela Vilaweb. Esta unidade relaciónase co Estado por medio dos departamentos policiais da UDEF e da UDYCO.

Unha vez liberado despois de pasar menos de 24 horas preso, Puigdemont cualificou a situación como un novo “ridículo” da Xustiza española, por forzar a aplicación dunha orde europea de detención paralizada.

Esta suspensión provén dunha cuestión prexudicial elevada ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea polo maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, que inquiriu sobre os motivos de que Bélxica se negara a extraditar o ex president, así como por un informe da ONU no que se defende que no Estado español non se respectan os dereitos humanos.

Amais, está pendente a sentenza do Tribunal Xeral da UE sobre a inmunidade como eurodeputado de Puigdemont.

Até a Avogacía do Estado e o Ministerio de Xustiza transmitiron a medios estatais que a orde de detención está paralizada mentres a xudicatura comunitaria non se pronuncie.

Mesa de diálogo

O acontecido con Puigdemont tamén multiplicou a presión sobre a mesa de diálogo bilateral entre Catalunya e Estado. Na primeira xuntanza logo de reactivar o órgano xa non participara Junts, a formación que lidera o agora eurodeputado, que reiterou as súas críticas á ferramenta.

Para Aragonès, isto non varía o seu compromiso cunha “saída negociada ao conflito”, nun proceso complexo que “se pode ver afectado por moitas cousas”.

Oriol Junqueras, ex vicepresidente da Generalitat, reiterou que a mesa de diálogo é a “mellor alternativa”, mais advertindo que ten que ser útil para “non descarrilar”, é dicir, concluír con “referendo e amnistía”.

Comentarios