Negacionista do cambio climático e antifeminista. Este é Vivek Ramaswamy, un dos favoritos para suceder a Trump

O seu ascenso nas filas do partido do elefante caracterizouse polo seu negacionismo do cambio climático, a súa loita contra a “ideoloxía de xénero” e a súa persoal cruzada contra os dereitos das persoas LGBT.
O candidato nas primarias do Partido Republicano, Vivek Ramaswamy (Foto: Gage Skidmore).
photo_camera O candidato nas primarias do Partido Republicano, Vivek Ramaswamy (Foto: Gage Skidmore).

Fillo de emigrantes indios, magnate e candidato nas primarias do partido republicano estadounidense, Vivek Ramaswamy é unha das persoas que máis forza vén acumulando nos últimos tempos dentro dos círculos ultradereita dos EUA.

Tanto é así que Ramaswamy xa é un dos favoritos a suceder a Donald Trump á fronte do partido republicano xunto con Ron DeSantis, actual gobernador do Estado de Florida.

O seu ascenso nas filas do partido do elefante caracterizouse polo seu negacionismo do cambio climático, a súa loita contra a “ideoloxía de xénero” e a súa persoal cruzada contra os dereitos das persoas LGBT.

Segundo el, os EUA están sumidos nunha “crise de identidade nacional” que só se pode resolver “voltando aos valores tradicionais estadounidenses”.

Nas últimas semanas gañou aínda máis notoriedade grazas ao primeiro debate das primarias do seu partido de cara ás eleccións de 2024. Nese debate, Ramaswamy enfrontouse ao resto de candidatos de maneira moi aberta e gañou un grande apoio por parte dos sectores máis radicais do partido republicano.

Con todo, Trump, que non estivo no debate, segue a ser o favorito para imporse nas primarias republicanas e enfrontarse a Joe Biden nos comicios presidenciais, se ben gran parte da dereita e ultradereita estadounidense apunta a Ramaswamy para coller a remuda.

De magnate a magnate

Ramaswamy fíxose multimillonario coa empresa biofarmacéutica Roivant Sciences despois de traballar como socio investidor nun fondo de cobertura.

Despois de deixar o cargo de director executivo de Roivant en 2021, Ramaswamy cofundou e desempeñou como presidente executivo de Strive Asset Management, outra empresa que “loita contra o invento do cambio climático”.

Comentarios