O comisario recoñece a guerra sucia dos aparatos do Estado contra o nacionalismo vasco

Villarejo actuou contra Bárcenas por orde de Raxoi

As declaracións do comisario José Manuel Villarejo na Audiencia Nacional e no Congreso dos Deputados están achegando novos datos sobre o funcionamento do Estado profundo nestes últimos 40 anos. As actividades ilícitas de Juan Carlos I, a guerra sucia contra a ETA ou a implicación de Raxoi no “caso Kitchen” son algúns deles.

José Manuel Villarejo na súa comparecencia no Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press) #villarejo #congreso #bárcenas #pp #raxoi
photo_camera José Manuel Villarejo na súa comparecencia no Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)

O propio José Manuel Villarejo recoñeceu esta semana no Congreso dos Deputados a súa incorporación á Policía durante o franquismo e o orgullo de ter xurado “os principios do Movemento”. Boa parte da súa actividade estivo ligada desde mediados dos anos 70 á loita contra o nacionalismo vasco, chegando mesmo a residir no Uruguai no marco dun operativo desenvolto na década dos 80 polas forzas de seguridade contra os exiliados vascos nese país.

Posteriormente, xogou un papel chave na denominada “operación Catalunya”, un dispositivo do aparato do Estado para combater o proceso soberanista mediante a construción de probas falsas. Ao tempo, atesourou unha importante fortuna, con intereses en diversos sectores empresarios e grandes conexións cos principais grupos do Ibex.

A historia de Villarejo non é diferente a dunha parte dos membros das forzas de seguridade que fan parte do que se vén coñecendo como “as cloacas”.

Precisamente, a investigación xudicial arredor do comisario sacou á luz unha trama de policías corruptos, con importantes responsabilidades no corpo, que partillaron a súa actividade profesional cos negocios e que desenvolveron operacións discretas ao servizo do Estado. A maior parte deles estiveron vinculados á loita contra a ETA e conseguiron un número significado de ascensos nos anos máis escuros do labor antiterrorista, chegando a ser algún procesado por practicar torturas.

Os GAL

Na súa recente comparecencia no Congreso dos Deputados, Villarejo sinalou que “non creo que o tema GAL [Grupos Antiterroristas de Liberación] fose un erro, porque Francia usaba a ETA para chantaxear a España. Francia acabou coas OAS [Organisation Armée Secrète] da mesma maneira, en España, Felipe González foi o único que se atreveu”. “Sei que son politicamente incorrectas algunhas das miñas contestacións”, continuou o comisario, “pero estou convencido de que, como dixen moitas veces, ‘coa nai e coa patria, con razón ou sen ela’. Había que acabar cos terroristas e fixeron moi ben os meus compañeiros”. Preguntado polo deputado de Bildu, Jon Iñarritu, sobre o asasinato e desaparición dos militantes da ETA Eduardo Bergareche, “Pertur” e José Miguel Etxeberria “Naparra”, Villarejo contestou que “houbo dous ou tres que si se perderon por eses mundos de Deus. Aí xa non lle podo contestar”.

O comisario deu tamén detalles dunha suposta operación do centro Nacional de Intelixencia (CNI) para separar Juan Carlos I da súa “amiga entrañábel” Corinna Larsen. Así, Villarejo afirmou que “puxéronlle inxeccións de hormonas femininas e inhibidores de testosterona co fin de rebaixarlle a libido porque considerábase un problema de Estado que este señor fose tan ardente”. Nesta liña, incidiu en que Corinna  Larsen chegou a asegurarlle que o obxectivo era “sacarlle a forza” no ámbito sexual, polo que “nin podía estar cunha muller nin nada”.

Villarejo é un dos principais investigados na denominado “caso Kitchen”, un procedemento aberto a raíz da espionaxe e do roubo de probas incriminatorias contra o PP ao seu ex tesoureiro Luís Barcenas.

Segundo se recolle nunha gravación entre Villarejo e o secretario de Estado de Seguridade co PP, Francisco Martínez, difundida polo xornal español Público, o comisario reuniuse o 12 de marzo de 2015 con Raxoi na sede do Partido Popular, en presenza do avogado, Javier Iglesias, recibindo do entón presidente do Goberno autorización para continuar a operación contra Bárcenas. “A traballar”, conta Villarejo na gravación que lle dixo Raxoi na xuntanza.

Comentarios