Un vídeo amosa soldados ucraínos aniquilando militares rusos capturados

Detalle do vídeo difundido polo Ministerio de Defensa de Ucraína no que informaba dunha emboscada contra tropas rusas.
O xornal The New York Times verificou nas últimas horas as imaxes difundidas por un canal ruso de Telegram onde se ven militares ucraínos masacrando prisioneiros rusos 

O diario estadounidense The New York Times confirmou esta cuarta feira a autenticidade dun vídeo difundido nas redes sociais a pasada segunda con imaxes da guerra en Ucraína.

Segundo informa Russia Today, a secuencia amosa soldados ucraínos executando militares rusos, feridos, tendidos no chan e coas mans atadas ás costas.

Segundo recolle o medio encargado de verificar o vídeo, as imaxes "parecen mostrar a un grupo de soldados ucraínos matando a efectivos rusos capturados nos arredores dunha localidade ao oeste de Kíiv". 

Sinala The New York Times que os feitos foron documentados na contorna do 30 de marzo a uns 11 quilómetros ao suroeste da cidade de Bucha, durante a retirada das tropas rusas da zona próxima á capital de Ucraína.

"Estes nin sequera son humanos"

No cinta pódese ver como os militares ucraínos disparan dúas veces contra un soldado ruso supostamente ferido que "aparentemente está vivo e aínda respira". Cando ven que segue vivo volven dispararlle e entón o soldado deixa de moverse. 
Xunto a el, obsérvanse os corpos de polo menos outros tres soldados, supostamente asasinados; un deles ten unha ferida visíbel na cabeza e as mans atadas ás costas. 

Todos os falecidos levan uniforme de camuflaxe, e tres deles teñen nos brazos os sinais distintivos brancos que usan as tropas rusas, afirma The New York Times, agregando que parece que a algúns lles quitaron as chaquetas, os zapatos ou os cascos.
O xornal indica que as vítimas están tendidas nunha estrada a poucos metros dun BMD-2, un vehículo de combate de infantería utilizado polas unidades aerotransportadas rusas. Máis lonxe, pódense ver outros vehículos destruídos.

De acordo co medio estadounidense, pódese escoitar un soldado ucraíno dicir: "Estes nin sequera son humanos", mentres camiña entre os vehículos esnaquizados.

Emboscada ucraína

The New York Times explica que os soldados ucraínos son identificábeis polos parches coa bandeira e os sinais distintivos azuis, e tamén porque repiten varias veces "gloria a Ucraína".

"A súa división non está clara, pero no vídeo dos asasinatos, un dos homes refírese a algúns deles como 'mozos de Belgravia', probabelmente referíndose a un complexo de apartamentos chamado  Belgravia, situado a uns centos de metros do incidente", precisa.

Os asasinatos foron o resultado dunha emboscada ucraína, supostamente levada a cabo o 30 de marzo, apunta o xornal, citando o xornalista independente Oz Katerji, quen o 2 de abril escribiu en Twitter que soldados ucraínos dixéronlle que os rusos foran emboscados 48 horas antes, e publicou vídeos e imaxes da columna destruída.

O Ministerio de Defensa de Ucraína tamén chiou en Twitter sobre a destrución do convoi ruso, cualificándoo de "traballo preciso" das forzas ucraínas.