Debate na ONU

Por vez primeira, os EUA non rexeitan o levantamento do bloqueo a Cuba

Todos os anos vótase na ONU unha resolución en contra do bloqueo (embargo segundo a terminoloxía norteamericana) a Cuba. Os EUA sempre rexeitaron a moción. Xa non. Esta cuarta feira abstíveronse.

Raúl Castro e Barack Obama, nunha imaxe de arquivo
photo_camera Raúl Castro e Barack Obama

Continúa o desxeo entre a Administración Obama e A Habana. A proba máis palpábel tivémola esta cuarta feira, cando por vez primeira na historia o goberno norteamericano non rexeitou a resolución contraria ao bloqueo. Os EUA optaron por unha abstención e deixaron, por tanto, entrever que están a un paso dunha viraxe sen precedentes desde que en outubro de 1960 se impuxera o embargo á maior das Antillas.

En marzo deste ano a nova época no relacionamento norteamericano-cubano materializouse coa histórica visita de Obama a Cuba. Nos últimos meses, o presidente dos EUA deixou ver que é partidario de levantar o bloqueo, mais quen ten a competencia para o facer é o Congreso, de maioría aínda republicana.

A distensión coa Habana ten resultado no levantamento por parte de Washington de restricións a trocas comerciais en distintos sectores -é particularmente intensa o agro-alimentario- e tense traducido tamén na supresión de prohibicións nos deslocamentos de persoas entre os dous países.

Os movimentos de Washington non se poden deslindar dos pasos dados no seu momento polo goberno cubano, nomeadamente no que ten a ver coas medidas de liberalización introducidas ao investimento estranxeiro na illa.

Comentarios