Venezuela pide a refundación da ONU no seu 67º aniversario

Venezuela defende unha refundación das Nacións Unidas que democratice a organización internacional e permita dar solucións aos conflitos.
Jorge Valero, representante de Venezuela na ONU
photo_camera Jorge Valero, representante de Venezuela na ONU

O recentemente re-eleito presidente venezolano, Hugo Chávez, reiterou a través do seu embaixador permanente nas Nacións Unidas, Jorge Valero, a necesidade "refundar e democratizar" a ONU ao entenderen que as súas accións se afastan "dos obxectivos estabelecidos na súa Carta fundacional".

Durante o 67 aniversario da creación das Nacións Unidas (Washington, 1945) a delegación venezolana lembrou aos representantes dos estados membros que "o acordado era fomentar relacións de amizade entre as nacións, baseadas no principio de igualdade e no dereito á libre determinación dos pobos" aliás de promover a cooperación internacional a través do desenvolvemento, o respecto aos dereitos humanos, sociais e económicos; porén, Valero salientou que "na realidade actual as potencias imperialistas lanzan novas guerras neocoloniais e de conquista" amparándose en argumentos arredados dos obxectivos da Carta e das excepcións recollidas no capítulo VII da mesma. Neste senso, o diplomático asegurou que as potencias capitalistas, argüen "a responsabilidade de protexer" ou o "cambio de réxime" para lexitimaren as intervencións noutros países, de maneira semellante ao concepto de "guerra preventiva" empregado polo daquela George W. Bush para invadir e atacar militarmente o Afganistán (2001) e o Iraq (2003). Segundo o representante da República bolivariana de Venezuela, as grandes potencias capitalistas procuran manter ou recuperar as súas áreas de influencia "mediante o saqueo dos recursos naturais" dos países en desenvolvemento para o que empregan --co amparo ou a compracencia das Nacións Unidas-- a forza. 

Jorge Valero denunciou que a ONU promova unha minoría de países que asuman o dereito de dirixir os asuntos mundiais

Refundar e democratizar os organismos
Jorge Valero, salientou a falta de equidade entre os países que amosan os organismos que integran as Nacións Unidas denunciando que "unha minoría asuma o dereito de dirixir os asuntos mundiais". O representante venezolano, amosou o seu rexeitamento, nomeadamente, á composición do Consello de Seguridade (CSNU) --conformado por cinco membros permanentes (EUA, Rusia, China, Gran Bretaña e Francia) e 10 membros non permanentes elixidos por un período de dous anos pola Asemblea Xeral--. Valero denunciou que os membros permanentes, posúan asemade dereito a veto. Neste senso, Venezuela demandou a revitalización da Asemblea Xeral e a ampliación do CSNU á fin de garantir a representación dun maior número de países, principalmente da rexión de América Latina e o Caribe. O máximo órgano de decisión da ONU, atende na súa estrutura e funcionamento á orde bipolar xurdida após o remate da II Guerra Mundial, polo que na actualidade resulta obsoleto para xestionar de maneira eficaz os principais asuntos internacionais. Neste senso, o representante bolivariano, exixiu a supresión do dereito a veto impedindo desta maneira, que parte dos estados membros, poidan condicionar a axenda de temas en virtude dos seus intereses.

"É necesario reformar un sistema financeiro internacional que favorece a preeminencia dos bancos e dos especuladores"

Reformar o sistema financeiro
Outra das demandas achegadas por Venezuela no 67 aniversario da organización internacional foi a necesidade de "reformar o sistema financeiro internacional" que só "favorece a preeminencia dos bancos e dos especuladores financeiros, fronte aos países en desenvolvemento e os sectores sociais máis vulnerábeis". Neste senso, lembrou que "hoxe xorden novas alternaticas soberanas, anti-capitalistas e anti-imperialistas" que procuran unha nova orde internacional multipolar; entre elas Valero salientou a aposta venezolana na loita "pola igualdade, a xustiza social e a solidariedade entre as nacións soberanas".

Comentarios