A Unión Europea imporá aranceis aos cereais procedentes de Rusia

Tentativa de acougar as protestas de labregas e labregos.
Recollida de trigo en Abadín, no nordés da Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Recollida de trigo en Abadín, no nordés da Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Funcionarios da Unión Europea (UE) confirmaron a terza feira á axencia Reuters que o bloque comunitario imporá aranceis ás importacións de cereais procedentes de Rusia e Belarús, e que non se aplicará nos grans que estean en tránsito.

A proposta de arancel do Executivo da UE é de 95 euros por cada tonelada métrica, que se fixaría en 50% no caso das sementes para extraer aceite e derivados, reportou o Financial Times.

A introdución do arancel, que a diferenza das sancións só require o apoio maioritario dos Estados membros, responde a un intento de calmar algúns destes países e as protestas de labregas e labregos que se estenden polo bloque, e que demandan entre outras cuestións a fin da liberalización das importacións agrícolas ucraínas.

Medida simbólica

Porén, “parece algo moi simbólico, xa que só se trata de pequenos volumes” que “poden substituírse facilmente”, sinalou á axencia un comerciante alemán. O certo é que a finais de febreiro, a cifra de importacións en 2023 e 2024 destes produtos de Rusia ascendían a 1,8 millóns de toneladas métricas, por 19,1 millóns de Ucraína.

O presidente da Unión de Exportadores de Cereais rusa, Eduard Zernin, asegurou que no país “ninguén perderá moito”, mais apuntou que Italia e o Estado español serían os lugares máis afectados.

Pola súa parte, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, indicou que tomarán unha decisión sobre a súa contestación unha vez coñecidos todos os detalles.

A medida chega cando o índice de prezos da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) está no seu nivel máis baixo desde 2020 logo de alcanzar o seu pico en 2022.

Comentarios