Ucraína sostén que 12 Estados xa prometeron o envío de tanques
Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, vén de informar de que até 12 Estados dos 28 que están a fornecer armas ao país xa se comprometeron a enviar tanques para reforzar as Forzas Armadas ucraínas.
Os movementos impulsados desde que Alemaña resolveu enviar vehículos blindados de combate, e ao tempo autorizar terceiros países a reexportar as unidades adquiridas a empresas alemás obrigando os Estados Unidos a remitir os seus tanques para aceptar a proposta, xa suman Polonia e o Canadá -Londres anunciara previamente o envío de carros de combate británicos-.
De feito, Varsovia salientou que engaden aos 14 Leopard 2 que programaban enviar 60 tanques de fabricación propia. Amais, Eslovaquia, Portugal, Finlandia, Suecia, Noruega e o Estado español amosáronse dispostos a unirse a este grupo.
O mandatario ucraíno reiterou que “a agresión rusa só pode e debe deterse coas armas axeitadas”, entrementres, fontes gobernamentais vinculaban a necesidade deste armamento cos avances das tropas de Rusia no leste do territorio.
No plano diplomático, a voceira do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zajarova, reclamou a Berlín que “aclare” se está ou non en guerra con Moscova tras as declaracións da titular de Exteriores alemá, Annalena Baerbock, nas que incidía en que “estamos a librar unha guerra contra Rusia”, unha posición que pouco despois corrixiu o propio Ministerio para adecuala á do chanceler Olaf Scholz, que fixo fincapé xunto á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en que non forman parte do conflito bélico.
A polémica pola alocución tamén puxo de manifesto os choques no seo do Executivo alemán, pois Baerbock, dos Verdes, é unha das principais defensoras do envío de armamento a Ucraína, chegando o pasado domingo a afirmar que Berlín permitiría reexportar a outros países os seus tanques a Kíiv sen que fora tomada previamente unha decisión por parte do Goberno, sostiveron medios alemáns.
Amais, Moscova advertiu que o Batallón Azov, de extrema dereita, foi enviado a Bakhmut para tratar de evitar que os militares rusos tomen a cidade. Horas antes, un dos fundadores do grupo destacaba que a unidade foi elevada a brigada dentro das Forzas Armadas ucraínas, adiantando que continuarán a “evolucionar” no seu papel como parte do Exército.
Pola súa banda, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica comunicou que se produciron novos bombardeos contra a central nuclear de Zaporijia, controlada polas tropas rusas.