Ucraína sostén que 12 Estados xa prometeron o envío de tanques

Moscova pide a Berlín que "aclare" se están en guerra despois dos polémicos comentarios da ministra de Exteriores alemá. Ademais, Kíiv confirma que 12 países ratificaron que remitirán tanques ás Forzas Armadas ucraínas.
Volodimir Zelenski. (Foto: Ukrainian Presidential Press / DPA)
photo_camera Boris Johnson e Volodimir Zelenski. (Foto: Ukrainian Presidential Press / DPA)

Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, vén de informar de que até 12 Estados dos 28 que están a fornecer armas ao país xa se comprometeron a enviar tanques para reforzar as Forzas Armadas ucraínas.

Os movementos impulsados desde que Alemaña resolveu enviar vehículos blindados de combate, e ao tempo autorizar  terceiros países a reexportar as unidades adquiridas a empresas alemás obrigando os Estados Unidos a remitir os seus tanques para aceptar a proposta, xa suman Polonia e o Canadá -Londres anunciara previamente o envío de carros de combate británicos-.

De feito, Varsovia salientou que engaden aos 14 Leopard 2 que programaban enviar 60 tanques de fabricación propia. Amais, Eslovaquia, Portugal, Finlandia, Suecia, Noruega e o Estado español amosáronse dispostos a unirse a este grupo.

O mandatario ucraíno reiterou que “a agresión rusa só pode e debe deterse coas armas axeitadas”, entrementres, fontes gobernamentais vinculaban a necesidade deste armamento cos avances das tropas de Rusia no leste do territorio.

No plano diplomático, a voceira do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zajarova, reclamou a Berlín que “aclare” se está ou non  en guerra con Moscova tras as declaracións da titular de Exteriores alemá, Annalena Baerbock, nas que incidía en que “estamos a librar unha guerra contra Rusia”, unha posición que pouco despois corrixiu o propio Ministerio para adecuala á do chanceler Olaf Scholz, que fixo fincapé xunto á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en que non forman parte do conflito bélico.

A polémica pola alocución tamén puxo de manifesto os choques no seo do Executivo alemán, pois Baerbock, dos Verdes, é unha das principais defensoras do envío de armamento a Ucraína, chegando o pasado domingo a afirmar que Berlín permitiría reexportar a outros países os seus tanques a Kíiv sen que fora tomada previamente unha decisión por parte do Goberno, sostiveron medios alemáns.

Amais, Moscova advertiu que o Batallón Azov, de extrema dereita, foi enviado a Bakhmut para tratar de evitar que os militares rusos tomen a cidade. Horas antes, un dos fundadores do grupo destacaba que a unidade foi elevada a brigada dentro das Forzas Armadas ucraínas, adiantando que continuarán a “evolucionar” no seu papel como parte do Exército.

Pola súa banda, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica comunicou que se produciron novos bombardeos contra a central nuclear de Zaporijia, controlada polas tropas rusas.

Comentarios