Israel lanza ataques aéreos contra Gaza após asasinar dez palestinos

A "impunidade" de Israel a nivel internacional é o principal sostén da súa "estratexia represiva", afirman as autoridades palestinas.
Protestas na fronteira de Gaza contra a nova campaña militar de Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Protestas na fronteira de Gaza contra a nova campaña militar de Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Folgas xerais, vixilias e concentracións espállanse por Palestina despois de que o Exército israelí asasinara esta quinta feira dez palestinas e palestinos, nove no campo de refuxiados de Xinín e un en Xerusalén. Xa de madrugada, desenvolveron varios ataques aéreos contra a Faixa de Gaza escudándose nos mísiles lanzados contra Israel —que non provocaron feridos— como resposta ao que a Autoridade Nacional Palestina considera “un masacre”.

Só no que vai de 2023, 30 palestinos perderon a vida a mans das forzas de seguridade de Tel Aviv. Os últimos asasinatos son “unha extensión do patrón deliberado de conduta por parte de Israel de cometer crimes internacionais para facer avanzar as súas políticas e prácticas anexionistas”, defendeu o Executivo palestino, que sostivo que “buscará xustiza e rendición de contas para as vítimas palestinas”.

Insistiron, aliás, en que a impunidade de Israel a nivel internacional é o principal sostén da súa estratexia represiva, un apartheid denunciado por entidades como Amnistía Internacional como un máis dos "crimes de guerra" israelís que deberan ser investigados.

Unha das primeiras medidas tomadas polo Gabinete presidido por Mahmud Abbas foi trasladar que presentará o expediente do masacre perante a Corte Penal Internacional, así como rachar a coordinación de seguridade “co Goberno de ocupación israelí”.

Esta medida, porén, foi cuestionada pola Administración estadounidense —o principal aliado de Tel Aviv—, que aseverou que este non é o camiño “correcto”.

Medios locais informaron de que o director da Axencia Central de Intelixencia de Washington chegou a quinta feira á zona para xuntarse con líderes israelís e palestinos e rebaixar as tensións que se multiplicaron desde a chegada de formacións de extrema dereita e ultra ortodoxas ao Executivo de Israel liderado por Benjamin Netanyahu.

Comentarios