Un grande ataque israelí deixa nove mortes e decenas de feridos en Palestina

73 persoas están a recibir tratamento por feridas de bala vivas nos hospitais de Nablus, catro en estado crítico e dous en estado moi crítico.
Imaxes do ataque á cidade de Nablus en Palestina por parte do exército de Israel (Foto: Ayman Nobani / dpa).
photo_camera Imaxes do ataque á cidade de Nablus en Palestina por parte do exército de Israel (Foto: Ayman Nobani / dpa).

Uns nove palestinos resultaron mortos esta cuarta feira, un deles ancián, e máis dun centenar foron feridos, seis en estado crítico, nunha nova incursión do Exército israelí na cidade palestina de Nablus, no norte de Cisxordania, segundo o Ministerio de Saúde e autoridades locais.

De acordo ao Ministerio de Saúde entre os mortos hai un menor de 16 anos, un ancián de 72 anos e outro home de 61, e asegurou que entre os 102 feridos rexistrados hai polo menos seis en estado de gravidade.

Ao mesmo tempo outras 73 persoas están a recibir tratamento por feridas de bala vivas nos hospitais de Nablus, catro en estado crítico e dous en estado moi crítico.

Dous xornalistas tamén resultaron levemente feridos por balas reais mentres cubrían a incursión do exército.

Segundo medios palestinos, unha gran forza do exército israelí chegou á cidade vella de Nablus mentres os estudantes estaban nas súas escolas.

A veciñanza enfrontousese aos soldados, quen, ademais de disparar balas reais, lanzaron gases lacrimóxenos e bombas de son contra as vivendas e comercios provocando numerosos casos de asfixia na densamente poboada cidade vella.

A Media Lúa Vermella en Nablus dixo que o Exército israelí impediu que as súas ambulancias alcanzasen e evacuasen os feridos na cidade vella.

“Terrorismo organizado”

O primeiro ministro palestino, Mohamed Shtayeh, describiu a redada como "terrorismo organizado" e denunciou que Israel busca trasladar a súa crise política interna ao conflito cos palestinos.

Á súa vez, o presidente palestino Mahmud Abás, dixo que os incidentes de hoxe son "un crime por parte das forzas de ocupación (israelís)".

Co asasinato dos seis, un total de 58 palestinos foron asasinados por disparos do exército israelí desde principios de ano, incluídos 10 menores e un ancián.

Comentarios