Presións sobre o republicano para manter as sancións a Moscova

Trump e Putin, de acordo en procurar a “cooperación construtiva”

Apenas demorou 60 segundos en apañar o telefone Vladimir Putin o 8N para, xa materializada a vitoria de Trump, parabenizar o líder republicano. Esta segunda feira, mantiveron a primeira conversa telefónica oficial. Aínda non se coñecen persoalmente.

Putin Obama
photo_camera Putin, co aínda presidente Obama

A escolla contra prognóstico de Trump como novo presidente dos EUA abre en principio unha nova era nas relacións entre Washington e Moscova. A incógnita está en saber até que ponto as declaracións retóricas previas ao 8N vanse materializar na práctica. Putin viviu como propio o triunfo de Trump, entre outras cousas porque o candidato republicano prodigou durante a campaña declaracións moi favorábeis aos intereses rusos: defendeu que Crimea debe facer parte formalmente da Federación Rusa e advogou por colaborar con Assad e Putin no combate contra o Exército Islámico en Siria.

Mais a pedra de toque para sabermos se realmente ese xiro de 180 graos no relacionamento ruso-estadounidense se irá concretizar ten a ver coas sancións impostas por Washington a Moscova en relación coa crise de Ucraína. Durante a campaña, Trump suxeriu que as levantaría. Mais é evidente que entre bastidores, o establishment demócrata derrotado o 8N -con fortes conexións co complexo militar- está a presionar o presidente eleito para non erguer a punición económica e comercial a Moscova.

O diálogo, enfatizou Moscova no seu comunicado, debe basearse “na igualdade, no mutuo respeito e na non interferencia nos asuntos internos respectivos”

En todo caso, na conversa telefónica desta segunda feira os líderes norteamericano e ruso, segundo informou Moscova nun comunicado, estiveron de acordo en revisar o que cualificaron de “pobre estado das relacións entre os dous países”, ben como en “normalizar relacións e proseguir a cooperación construtiva no máis amplo abano de temas”.

A axenda desta conversa transoceánica tivo a ver cos capítulos económico e comercial, ben como tamén co “combate contra o inimigo común número un, o terrorismo internacional e o extremismo”.

O diálogo, enfatizou Moscova no seu comunicado, debe basearse “na igualdade, no mutuo respeito e na non interferencia nos asuntos internos respectivos”. Esta última alusión é unha obvia resposta ás acusacións deitadas durante a campaña por Washington contra o goberno ruso como autor da espionaxe, vía hackers, dos cuarteis xenerais do Partido Demócrata. Putin negou toda responsabilidade no asunto. Na contorna de Hillary Clinton deuse crédito á tese de que foron os servizos secretos de Moscova a fonte que facilitou a Wikileaks os correios electrónicos hackeados da conta de John Podesta, o chefe de campaña de Clinton, en que aparecían con clareza os vínculos da candidata demócrata coa oligarquía financeira do seu país e, máis en concreto, con Goldman Sachs.

Comentarios