Eleccións nos EUA

Trump e Clinton loitan polo voto latino

Cando fica mes e medio para que os EUA elixan a persoa que vai suceder Barack Obama á fronte da Presidencia, os dous principais candidatos, o republicano Donald Trump e a demócrata Hillary Clinton, centran as mensaxes no sector latino.

Trump
photo_camera Trump

O voto latino, tamén chamado hispano (nos EUA o temo emprégase para se referir á poboación que fala español), representa arredor do 11 por cento do censo electoral dos Estados Unidos. Nos últimos días, e cando resta apenas mes e medio para que teñan lugar os comicios, Trump e Clinton loitarán por se faceren coas papeletas dun sector que pode resultar crucial no resultado. Así o advirte o analista político e director de Infoamericas Patricio Zamorano, quen salienta que nas eleccións non existe aspirante ningún que poida triunfar sen o voto latino.

Florida, California e Nova York, pola súa presenza de persoas latinas, representan un punto central na campaña dos dous principais aspirantes á Casa Branca. Neste contexto, Clinton preocupouse por crear alianzas con grupos hispanos e “foi sensíbel ao tema da deportación”, indica Zamorano. Porén, unha enquisa realizada pola empresa demócrata Bendixen and Amandi e pola republicana The Terrance Group sinala que a intención de voto a Clinton é menor ao voto real que obtivo Obama en 2012.

Aínda que só unha de cada catro persoas latinas é inmigrante nos EUA –o 90 por cento son de segundas xeracións de inmigrantes nadas en territorio estadounidense-, a sociedade norteamericana vincula inmigración con poboación latina. Neste sentido, Trump prometeu expulsar do país as persoas en situación administrativa irregular, ás que se ten referido como “violadoras e criminais”. Para o analista político, a dúbida está en que se Clinton, quen defendería mellor os intereses da poboación latina, será “consecuente coa súa campaña ou caerá nas mesmas accións que Obama”.

Segundo Zamorano, o actual presidente dos EUA “foi un dos peores no tema da deportación. Expulsou do país perto de 2 millóns de indocumentados e xerou unha importante crise nas familias estadounidenses”.

Comentarios