Filipinas

Suspendida a vista para a posíbel posta en liberdade dos policías acusados da morte do coruñés Diego Bello

"A lei filipina prohibe textualmente a concesión de liberdade baixo fianza a acusados en casos de asasinato como este, dándose, ademais, a circunstancia de que os policías estiveron prófugos da xustiza do seu país durante dez meses antes de entregarse voluntariamente en marzo deste ano", salienta a súa familia, que leva tres anos reclamando xustiza para Bello.
Concentración en condena do asasinato de Diego Bello (Foto: Plataforma Xustiza para Diego).
photo_camera Concentración para condenar o asasinato de Diego Bello. (Foto: Europa Press)

O tribunal encargado de levar a cabo o xuízo contra os tres policías filipinos acusados de asasinar —en xaneiro de 2020— o coruñés Diego Bello vén de decretar a suspensión da vista prevista para esta segunda feira, na que se ía estudar a peticion dos axentes de saír en liberdade baixo fianza, á espera do inicio do proceso.

Así o notificou esta mesma mañá a familia do mozo coruñés, con base na notificación trasladada polo tribunal, que sinala que se está á espera de que a Corte Suprema do país decida sobre a petición da familia de Diego de que se traslade o xuízo a un tribunal da capital, Manila, "para unha maior dilixencia na tramitación do caso".

O tribunal de Dapa, ao sur do país, xurisdición onde se produciron os feitos, na illa de Siargao, non entra a valorar a petición dos policías e avoga por aprazar a vista até coñecer a decisión da Corte Suprema.

Nun comunicado, a familia lembra que "a lei filipina prohibe textualmente a concesión de liberdade baixo fianza a acusados en casos de asasinato como este, dándose, ademais, a circunstancia de que os policías estiveron prófugos da xustiza do seu país durante dez meses antes de entregarse voluntariamente en marzo deste ano". Os tres tamén están acusados de falsificar probas "para xustificar a morte de Diego Bello", apuntan.

Os policías filipinos acusados do asasinato de Bello entregáronse ás autoridades do país o pasado 14 de febreiro, despois de estar case un ano fuxidos da Xustiza. Foi o propio embaixador de Filipinas no Estado español, Philippe J. Lhuillier, quen llo comunicou á familia.

Comentarios