xoves 05/08/21

Suíza investiga viaxes de Juan Carlos I por suposta corrupción

O país helvético destapa a principios do mes de marzo un escándalo que atribúe unha suposta conta bancaria en Suíza a Juan Carlos I. Unha investigación que evidencia os sinais de corrupción na Coroa española.

Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, o ano pasado (Imaxe: Europa Press)
Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, o ano pasado (Imaxe: Europa Press)

A Fiscalía suíza investiga se existen vínculos entre as viaxes de Juan Carlos I a Arabia Saudita, Kuwait e Baréin e as transferencias a contas bancarias ligadas a el e a súa amiga Corinna zu Sayn-Wittgenstein. As cábalas da Fiscalía apuntan que tanto o rei emérito como a súa amiga terían recibido diñeiro de monarquías persas.

As pescudas de Suíza teñen relación co escándalo destapado a principio do mes e que pon a Casa Real española contra as cordas. A magnitude da suposta corrupción levou Felipe VI a tratar de salvar a imaxe da Coroa anunciando que renuncia á herdanza do pai. Unha estratexia que non é máis que un xesto, posto que non se pode renunciar a unha herdanza até que non falece a persoa.

A Fiscalía de Xenebra busca a orixe dunha conta bancaria de 100 millóns de dólares que sería propiedade do rei emérito de España. Unha suma que procedería, supostamente, dunha doazón do rei saudita, en 2008, a unha conta a nome dunha fundación panameña, Lucum, da cal Juan Carlos I é beneficiario.

Desde a citada conta, que se creou poucos días antes do movemento, coincidindo cunha viaxe por países persoas do rei emérito, faríase anos despois unha transferencia de 64 millóns a Corinna. En 2012 fecharon a conta.

Suíza trata de aclarar se máis que un agasallo o diñeiro era unha comisión que pagaría Juan Carlos I á súa amiga por facer de mediadora no contrato das obras do AVE na Meca.

Os últimos datos coñecidos ao redor deste suposto caso de corrupción levou ao soberanismo a solicitar no Congreso, novamente, a investigación da Casa Real. Entre outras iniciativas, o BNG de Vigo propuxo retirar o busto do rei emérito da praza do concello.

comentarios