En Europa investígase o rei emérito, mais o 'constitucionalismo' impídeo en España

Corinna Larsen denunciará en Londres Juan Calos I de Borbón por ameazas
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019

O rei emérito español, Juan Carlos I de Borbón, pasa unha dura semana con todos os focos mediáticos sobre as súas costas. Ás investigacións en Suíza para esclarecer se cobrou 100 millóns de dólares por comisións na construción do AVE á Meca, que despois podería ter branqueado, súmase agora o anuncio de Corinna Larsen de interpor unha denuncia contra o ex monarca por ameazas.

O Borbón está ademais a pór na corda frouxa o Goberno español: as forzas soberanistas e Unidas Podemos queren que o Congreso investigue o rei, mentres o PSOE se nega . A adiñeirada empresaria e antiga amiga de Juan Carlos I de Borbón,

Corinna Larsen, anunciou que presentará unha denuncia contra o rei emérito ante a xustiza londinense por mor do acoso e das ameazas que supostamente sufriu desde o ano 2012, momento en que transcendeu a relación entre ambos e despois de viaxaren a Botsuana. Foi alí onde se retrataron en medio dunha cazaría de elefantes, imaxes que aceleraron a abdicación do monarca en favor do seu descendente varón, Felipe VI.

As intimidacións tiñan por obxecto, di Corinna, impedir que revelase segredos de Estado. Ademais de o rei emérito, Corinna tamén denuncia o ex director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Félix Sanz Roldán, a quen acusa de estar detrás da campaña na súa contra e de proferirlle ameazas persoalmente en Reino Unido. Todo comezou, dixo Corinna no xornal The Daily Mail, cando o rei se accidentou en Borsuana e ela saíu nas fotos con el. Entón, o piso de Corinna en Mónaco foi ocupado por investigadores privados dese país e os servizos de seguridade españois lle comunicaron que se trataba dun operativo para garantir o seu benestar. A empresaria revelou ao medio británico que uns meses despois o CNI a ameazou de morte a ela e aos seus fillos durante a súa estancia nun hotel londinense.

Relata que lle pediron que ficase en silencio, e enviáronlle un correo en que a alertaban de que "falar cos medios sería devastador" para a súa imaxe. Era unha advertencia, denuncia, de que destruirían a súa reputación se non cooperaba. Esta ameaza cumpriuse, di Corinna, en relación á gravación que se lle fixo sen o seu consentimento en 2015 polo ex comisario Villarejo, actualmente en prisión.

Neses audios Corinna fala de contas que o rei emérito tería en Suíza e fala dun pago de comisións de 80 millóns por empresas españolas para construíren o AVE á Meca e que terían sido pagados á muller dun empresario saudita. Este aboaría a metade a un empresario español, quen ao seu tempo daría o total ou unha parte a Juan Carlos I de Borbón. Logo, o rei emérito realizou supostamente un "regalo" a Corinna de 65 millóns.

Soberanistas e UP queren investigar, o PSOE non

O BNG presentou xa xunto as forzas do Grupo Plural e ERC a solicitude de creación dunha comisión de investigación ao rei no Congreso. O deputado nacionalista Néstor Rego sinalou onte que "non é de recibo intentar ocultar as posíbeis prácticas fraudulentas e corruptas realizadas polos Borbóns, non fai máis que incidir no descrédito da Casa Real e da monarquía e pór en evidencia o carácter pouco democrático do réxime de 78", e considerou que a monarquía "é unha institución anacrónica e incompatíbel cun sistema que se queira democrático".

Pola súa banda, a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, deixaba onte clara a oposición do PSOE a apoiar ningunha petición na Cámara que inste a crear comisións de investigación ao rei emérito. Trátase "simplemente de ler a Constitución e saber que o rei é inviábel", dixo Lastra. Porén, Unidas Podemos, socio do PSOE no Goberno español, rexistrou onte outra petición no Congreso para crear unha comisión de investigación ao ex rei.

Podemos sinala que na actualidade estas actividades fraudulentas poderían seguir a producirse, polo que "o período de inviolabilidade (a etapa en que reinou) non pode ser alegado neste caso" posto que o que propoñen é que se investigue se, após deixar a Xefatura do Estado, o Borbón cobrou "capitais de comisións ilícitas". Os desencontros PSOE-UP por esta cuestión e polas últimas propostas de lei fixeron que Pedro Sánchez adiantase onte a mesa de seguimento do Goberno, que forman ambos os partidos, para o 12 de marzo.

Comentarios