O sospeitoso da filtración nos EUA comparece diante da Xustiza
Jack Teixeira, de 21 anos, comparece esta sexta feira diante dun tribunal federal de Boston, nos Estados Unidos (EUA), despois de ser arrestado a quinta feira como presunto autor das filtracións da Intelixencia do país, ao difundir documentos confidenciais nos que se abordaba desde a situación límite das Forzas Armadas de Ucraína até a presenza de tropas da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en territorio ucraíno, revelando que Washington espía países aliados ou o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), o portugués António Guterres.
O voceiro do Pentágono, Patrick Rider, explicou que a filtración foi “un acto criminal deliberado”, mentres que o fiscal xeral Merrick Garland sinalou que se investiga “a suposta extracción, retención e transmisión non autorizada de información clasificada de defensa nacional”.
O detido era membro da Garda Aérea Nacional e traballaba nunha base militar en Massachusetts como especialista en sistemas de transporte cibernético, polo que tería acceso a documentos confidenciais ao estar encargado de protexer as redes de comunicación militar.
Á respecto da espionaxe a Guterres, o voceiro da Secretaría Xeral da ONU, Stéphane Dujarric, indicou que, despois de “levar bastante tempo no seu traballo”, “non está sorprendido polo feito de que haxa xente espiando e escoitando as súas conversas privadas”, ao difundirse unha charla con Amina Mohammed, vice secretaria xeral da ONU, na que defendía un esforzo para prorrogar o acordo de exportación de grans polo mar Negro incluso se iso requiría cumprir a parte do pacto referido á liberación dos obstáculos que frean as exportacións de cereais e fertilizantes rusos, o que para Washington significaba “minar” o seu traballo “para que Moscova renda contas” pola invasión de Ucraína.
Nese sentido, Dujarric apuntou que as conversas foron “distorcidas” e que Guterres fai o posíbel “para reducir o prezo dos alimentos, cereais e fertilizantes en todo o mundo”, reclamando que todos os Estados respecten a “inviolabilidade” da entidade.
Pola súa parte, a OTAN negou que case un cento de soldados de operacións especiais de varios membros estean a operar en territorio ucraíno, como desvelou un documento filtrado que detalla que se trata de soldados británicos, letóns, franceses, estadounidenses e un holandés.
Venda de armas chinesas a Rusia
Aliás, novos documentos filtrados sosteñen que a China tería decidido vender armas a Rusia, aínda que fontes do Executivo dos EUA trasladaron que non contan con probas, o que levou Beijing a reiterar que non venderán armas ás partes en conflito.