Mensaxe ao PNV: o PSOE mantería os orzamentos pactados por Sabin Etxea co PP

Pedro Sánchez:"Demita e todo terminará"; Mariano Raxoi: "Para vosté o máis fácil sería que eu demitise"

Nunha xiradela imprevista do guión, o candidato do PSOE á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, instou Raxoi a que renuncie. "Demita e esta moción de censura acabará aquí e agora", dixo o socialista. Demorou en contestar Raxoi, mais fíxoo de acordo co seu peculiar estilo: "Para vosté o que sería máis fácil é que eu demitise e así se aforraría vosté este debate. Para min non é duro nen desagradábel".

 

SChez
photo_camera Pedro Sánchez

Sánchez apresentou a moción de censura como o uso dunha ferramenta constitucional para devolver as institucións o seu prestixio, gravemente danado pola corrupción, dixo. Alegou que a moción é produto da resistencia de Raxoi a asumir as súas responsabilidades políticas. "Esta moción nace da incapacidade do señor Raxoi de asumir, en primeira persoa, a responsabilidade política da sentenza Gürtel", afirmou, para a seguir espetar: "A corrupciòn actúa como un axente disolvente e nocivo para calquera país".

Foi entón cando o candidato socialista colocou o seu golpe de efecto, a de propor a Raxoi que cancelase a moción coa súa renuncia. "Está disposto a demitir, aquí e agora?", perguntou enfático e, acto seguido, instou o presidente do Goberno: "Demita e todo terminará, poderá saír da presidencia por vontade propia". "A súa permanencia no cargo debilita a democracia", acrecentou.

A demanda non pasaría de ser, salvo surpresa monumental, un aceno político retórico. No limiar do debate, Soraya Sáenz de Santamaría xa deixou claro, en declaracións á imprensa, que Raxoi non demitiría, nen hoxe nen mañá. Do propio ton da réplica do inquilino da Moncloa á intervención de Ábalos tamén se desprendeu que en ningún caso o político nado en Compostela ten a menor intención de renunciar.

Aspectos programáticos

Xa como candidato -e dando por suposto que Raxoi non recollerá a luva demisionaria que lle tendía-, Sánchez pasou a descreber os trazos básicos do goberno que se propón presidir se obtén a confianza da Cámara: un goberno "socialista", "paritario", "europeísta" -que cumpra os seus compromisos con Bruxelas-, un executivo que "fará do diálogo a súa maneira de facer política" con "todos os grupos da cámara e todos os gobernos autonómicos", en clara alusión a Catalunya. "Reestabeleceremos as pontes en todas as comunidades autónomas e comezaremos un diálogo con Catalunya", recapitulou na coda do seu discurso.

Sánchez fixo tamén dou anuncios concretos: a reforma dos aspectos máis regresivos da chamada Lei Mordaza e o mantimento dos orzamentos pactados polo PP, Cs e PNV para 2018, un compromiso este último fundamental para conseguir o apoio dos 5 escano jeltzales. "Este non é o noso o orzamento, mais non o imos retirar por responsabilidade de estado", afirmou o candidato do PSOE.

Política de rendas

Defendeu tamén, en liña coa demanda dos sindicatos de ámbito estatal, unha nova política de rendas, que compense a perda dos salarios fronte aos beneficios do capital, e unha política laboral que vise reducir a precariedade e o fin do fenómeno dos "traballadores pobres". "Asumo o compromiso de devolver o carácter universal da sanidade pública", proclamou.

Un discurso feito a medida do PNV

En definitiva, Sánchez entregou unha peza retórica construída para seducir o PNV. Ditirambos a Urkullu -salientou que os socialistas cogobernan Euskadi-, compromiso de mantimento dos orzamentos e ningunha alusión ao adianto eleitoral, sendo que Sabin Etxea aposta en que a lexislatura chegue na práctica a 2020.

A réplica de Raxoi

Raxoi -que en todo momento deu unha sensación derrotista, como se xa asumise o triunfo de Sánchez- cualificou de "chantaxe" a moción, por considerar que o líder do PSOE non apresentou un programa de goberno, como si prescribe o mandato constitucional, e que se limitou a pedir un cheque en branco. 

Foi no contexto desa crítica cando deslizou con clareza que non pensa demitir: "Isto é o que eu cualifico de chantaxe que lle está a facer vosté aos membros desta Cámara, incluído os propios membros do seu partido. Dixo vosté que comprende que o debate sexa duro e desagradábel, teña claro que se o debate é duro e desagradábel é para vosté. Para vosté o que sería máis fácil é que eu demitise e así aforraría vosté este debate. Para min non é duro nen desagradábel".

A hemeroteca foi visitada por Raxoi no seu discurso para mostrar que o goberno de Sánchez, con apenas 84 escanos, sería inviábel. O aínda presidente do goberno repescou diversas declaracións do secretario xeral do PSOE en que se criticaba acerbamente quer a Podemos quer os soberanistas cataláns, sen os cales a moción de censura non sería factíbel.


 

E mentres en Gasteiz

A moción ten dous cenarios. O do Congreso e o da sede do PNV en Gasteiz, desde onde neste momento se está a acompañar o desenvolvimento da sesión nunha reunión da súa executiva en que tamén está a tomar parte Íñigo Urkullu.

 

ERC anuncia o si á moción

Foi por meio da comparecencia de Joan Tardá, o portavoz do grupo, quen -por volta das 13.41 minutos- avanzou perante os meios o sentido afirmativo do voto de ERC na moción de censura.

Comentarios