Comeza o debate da moción de censura

Raxoi acusa Ábalos de mentir na Cámara omitindo que foi el quen o fixo perante o xuíz

Primeiro cruzamento de dardos na primeira moción de censura da historia do réxime de 1978 politica e aritmeticamente viábel. Abriu o lume o parlamentar designado por Sánchez e secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos. Construíu a súa intervención sobre a base da sentenza da Gürtel. Raxoi acusouno de mentir no Congreso. Mais o seu discurso deixou un flanco moi feble: quen mentiu en sede xudicial foi el propio, segundo acredita o fallo da Audiencia Nacional.

Abalos
photo_camera Ábalos, no comezo do debate da moción

Raxoi en estado puro. Ese foi o que se despregou na réplica a Ábalos no comezo do debate. Máis do que o contido da súa intervención -perfeitamente previsíbel- o que tiña interese era constatar o seu ton, a súa cualidade. E foi a da sempre, non a dun home que estivese a matinar na hipótese da demisión. O seu discurso desprendeu o ar de que Raxoi morrerá politicamente coas botas postas, mais non renunciará ao seu cargo.

Ábalos leeu varios fragmentos da sentenza da Audiencia Nacional, aqueles en que se estabelece a catalogación do PP como unha máquina de corrupción institucional e en que se pon en cuestión a credibilidade do testemuño prestado en sede xudicial por Raxoi. Este, na súa réplica, acusou Ábalos de torcer o sentido da resolución xudicial -acusouno de mentir-, obviando unha evidencia, a de que quen mentiu foi el ao negar no tribunal a existencia dunha caixa B.

Como tamén cabía agardar, Raxoi utilizou a trécola do "e ti máis" para contrarrestar a intervención de Abalos. "Coa sentenza dos EREs, vanse facer unha moción de censura a vostés mesmos?", inquiriu o inquilino da Moncloa. Na súa réplica, o dirixente do PSOE afirmou que non son asuntos comparábeis porque a corrupción do PP é estrutural e quen a practica é o propio partido -condenado pola sentenza por obter beneficios económicos da trama Gürtel.

Comentarios