A catastrófica situación na fábrica siderúrxica Azovstal, en Mariupol

Rusia comprometeuse a “garantir a vida” dos militares ucraínos alí apostados de “depor as armas”.
45733015204_6a68c956a4_b
photo_camera A fábrica siderúrxica Azovstal, en Mariupol, antes do conflito (Foto: Nós Diario).

Escalada de tensións. O exército ruso, ante a catastrófica situación que se está a vivir na fábrica siderúrxica Azovstal, en Mariupol, anunciou que estaba disposto a “garantir a vida” dos militares ucraínos alí apostados de “depor as armas”.

De facelo, Rusia respectaría “as normas da Convención de Xenebra no referente ao trato dos prisioneiros de guerra”.

Non obstante, o Ministerio de Defensa de Rusia engadiu que “os militantes dos batallóns nacionalistas e os mercenarios estranxeiros” tiñan até “as 6 da mañá” de hoxe, hora de Moscova -onde teñen unha hora máis que na Galiza- para “cesar as hostilidades e depor as armas”, dada a “situación desesperada” dos resistentes, “practicamente sen comida nin auga”.

 Ademais, Moscova fixo un chamamento a Kiev para que desen “mostras de prudencia”, convidando a ordenar aos milicianos a que cesasen na “inútil resistencia”.

A estratéxica  Mariupol, xunto ao Mar de  Azov, é unha das principais metas dos rusos no seu esforzo por lograr o total control da rexión do  Donbás e formar un corredor terrestre no leste do país desde a península de Crimea.

O xefe do Centro de Control de Defensa Nacional ruso, Mikhail Mizintsev, tamén afirmou que desde o Goberno ucraíno “prohibiron as negociacións de rendición, ordenando aos nazis de Azov fusilar os militares e mercenarios que queiran renderse”.

Comentarios