Reino Unido recoñece a inmunidade de Juan Carlos I ante a demanda de acoso de Corinna Larsen

A xustiza británica considera que até que abdicou, Juan Carlos I era inmune, polo que non pode ser procesado por acosar a Corinna Larsen.
Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O rei emérito Juan Carlos I vén de conseguir a inmunidade no Reino Unido pola demanda de acoso presentada por Corinna Larsen.

A Corte de Apelacións de Inglaterra e Gales decidiu outorgar dita inmunidade ao rei emérito esta terza feira polos seus actos até o momento da súa abdicación en 2014.

A decisión ten lugar despois de que o pasado 8 de novembro os avogados do rei emérito presentasen ante a Corte de Apelacións de Inglaterra e Gales os argumentos polos que consideraban que debía revogarse a decisión inicial do xuíz Mathew Nicklin de non recoñecer inmunidade ningunha a Juan Carlos I polo presunto acoso denunciado por Larsen, poñendo o foco precisamente en que, se segundo ela o CNI participou nos feitos por orde do entón monarca, serían "actos soberanos" e inmunes.

Inmunidade

O tribunal recoñece o recurso presentado polo borbón para xustificar que os seus actos entre abril de 2012 e o 18 de xuño de 2014 non pertenceron ao seu ámbito privado, polo que procede concederlle a inmunidade nese período. Porén, os feitos cometidos tras a súa abdicación poderían ser xulgados.

Corinna demandou en 2020 a Juan Carlos l e ao CNI polo suposto acoso continuado ao que a terían sometido tras a ruptura da súa relación en 2014 co propósito de desprestixiala e impedir que falase da súa relación persoal.

Para os avogados da Larsen, Juan Carlos I e o CNI apremárona e vixiárona de forma ilegal, sobre todo desde que ela se negou a devolverlle os 65 millóns de euros que este "lle regalou" previamente en 2012.

Segundo ela, Juan Carlos I deulle a fortuna "por gratitude", non para esconder o diñeiro.

Comentarios